InicioCULTURAO Festival Amal dedica a súa XXIII edición a Palestina e proxectará...

O Festival Amal dedica a súa XXIII edición a Palestina e proxectará cinco filmes sobre o conflito en Gaza

O certame celebrarase en Santiago do 20 ao 24 de outubro baixo o lema 'Todas somos Palestina'

Publicado o

Xornal de Compostela

A cidade de Santiago de Compostela acollerá entre o 20 e o 24 de outubro a XXIII edición do Festival Amal, unha cita consolidada do cinema euroárabe que este ano se desenvolverá baixo o lema ‘Todas somos Palestina’, en referencia ao conflito que afecta á poboación da Franxa de Gaza.

O presidente da Fundación Araguaney-Ponte de Culturas e director do festival, Ghaleb Jaber Martínez, presentou a programación nunha rolda de prensa na que tamén participaron o director xeral de Cultura da Xunta de Galicia, Anxo M. Lorenzo, e a concelleira de Capital Cultural do Concello de Santiago, Míriam Louzao.

Jaber Martínez, galego de ascendencia palestina, explicou que a selección deste ano está composta por cinco pezas do cinema palestino, escollidas co propósito de achegar ao público unha comprensión máis profunda do conflito. “A razón que fai fundamental o festival é o achegamento que fai, a través do cinema, unha linguaxe universal, entre novas culturas que moitas veces son inxustamente separadas”, afirmou.

O director salientou que, aínda que Amal adoita recoller distintas perspectivas dun mundo árabe “enorme e diverso”, nesta edición a organización sentiu “a obriga moral de centrar a mirada en Gaza”. As proxeccións incluirán tanto documentais como filmes de ficción, e contarán coa presenza de directores e actores convidados.

Con respecto ao recente cesamento do fogo entre Hamás e Israel, Jaber Martínez expresou o seu alivio por “que deixen de caer bombas”, aínda que advertiu que a “paz e a xustiza aínda non se albiscan”. “Estamos contentos con que as cousas se tranquilicen, e buscaremos un horizonte onde esa paz sexa posible para os nenos e nenas de Palestina”, engadiu.

A programación arrancará o luns 20 ás 20:00 no Teatro Principal coa proxección de This is Gaza, de Tom Besley, un documental sobre o cineasta palestino Yousef Hammash, cuxo fogar foi destruído durante o conflito.

O martes 21 exhibirase Janin, Jenin, de Mohammed Bakri, que revisita o campo de refuxiados de Jenin dúas décadas despois do seu primeiro filme homónimo.

O mércores 22, o público poderá ver The estafe that remains, de Elia Suleiman, unha ficción en catro episodios sobre a memoria e a vida dunha familia palestina tras a creación do Estado de Israel.

O xoves 23 será a quenda de Notes on displacement, de Khaled Jarrar, centrado na viaxe dunha muller palestina que, tras ser desprazada de Damasco, tenta chegar a Europa pola ruta dos Balcáns.

Finalmente, o venres 24, The Encampments, de Kei Pritsker e Michael T. Workman, pechará o festival cunha ollada ás protestas estudantís de 2024 en solidariedade con Palestina.

ÚLTIMAS

Multitudinario recoñecemento a Álvaro García Ortiz na casa das máquinas

A Casa das Máquinas acolleu este xoves un multitudinal acto de recoñecemento a Álvaro...

A CEP denuncia o abandono da comisaría de Santiago tras máis de dous meses do incendio

A Confederación Española de Policía (CEP) denunciou publicamente o que considera unha situación de...

O concerto de El Último de la Fila trasládase a Santiago tras o veto ao uso de Riazor

O concerto do grupo 'El Último de la Fila' previsto inicialmente para o 13...

A Xunta prevé investir máis de 50 millóns de euros en Mallou para impulsar un novo barrio en Santiago

A Consellería de Vivenda e Planificación de Infraestruturas presentou o proxecto de desenvolvemento do...

O concerto de El Último de la Fila trasládase a Santiago tras o veto ao uso de Riazor

O concerto do grupo 'El Último de la Fila' previsto inicialmente para o 13...

O Museo do Pobo Galego acolle este sábado a clausura da exposición ‘MASKS. Alas y Viento Collection. Nacho Rovira II’ cunha xornada especial

O Museo do Pobo Galego celebrará este sábado, 25 de abril, unha xornada especial...

O Centro Dramático Galego esgota as entradas de ‘Hamlet’ ata o final da súa programación

O Centro Dramático Galego completou o aforo para todas as funcións restantes de 'Hamlet'...