InicioMOV. SOCIAISA Plataforma Ulloa Viva convoca unha nova manifestación nacional o 14 de...

A Plataforma Ulloa Viva convoca unha nova manifestación nacional o 14 de decembro en Santiago contra o proxecto de Altri

Os colectivos contrarios á fábrica de celulosa en Palas de Rei chaman á cidadanía galega a mobilizarse de novo no Obradoiro un ano despois da protesta histórica de 2024

Publicado o

Xornal de Compostela

A Plataforma Ulloa Viva e a Plataforma pola Defensa da Ría de Arousa (PDRA) anunciaron este luns en Compostela a convocatoria dunha gran manifestación nacional o 14 de decembro en Santiago de Compostela, en rexeitamento ao proxecto industrial que a empresa Altri pretende instalar en Palas de Rei (Lugo). A mobilización coincide co aniversario da protesta do 15 de decembro de 2024, cando máis de 100.000 persoas se concentraron na Praza do Obradoiro baixo o lema “Altri Non”.

O presidente de Ulloa Viva, Juan Pedro Sánchez, e o da PDRA, Xaquín Rubido, fixeron un chamamento á sociedade galega a “seguir mobilizándose” para esixir á Xunta de Galicia que “denegue xa o expediente completo” de autorización do proxecto. Rubido subliñou que “foi a mobilización histórica do pobo galego a que fixo que Altri quedase fóra do Perte de descarbonización e das axudas públicas de 250 millóns de euros que solicitaba”.

Segundo explicou, o obxectivo da nova convocatoria é “chegar ata o final para coñecer a letra pequena e paralizar todas as autorizacións pendentes”, especialmente as relativas á planificación eléctrica, a captación de auga e a autorización ambiental integrada. “Estamos nun punto de inflexión, e o 14D debe ser unha mobilización histórica que sirva para que a Xunta denegue definitivamente este proxecto”, asegurou.

As plataformas celebraron ademais a exclusión de Altri da planificación eléctrica 2025-2030, anunciada polo secretario xeral do PSdeG, José Ramón Gómez Besteiro, o pasado 22 de setembro. A decisión do Ministerio para a Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico (Miteco) deixa ao proxecto sen a subestación que pretendía construírse en Palas de Rei.

Porén, as entidades advertiron que seguirán vixiantes durante toda a tramitación administrativa, “presentando alegacións se é necesario”, ante os anuncios da Xunta e das empresas do proxecto Gama, que avanzaron a súa intención de recorrer a decisión ministerial.

Tanto Sánchez como Rubido acusaron ao Goberno galego de “mentir” ao afirmar que a exclusión de Altri suporía frear o desenvolvemento eléctrico da provincia de Lugo. “Mente, porque a subestación só ía dar servizo á planta de celulosa. Ningunha outra empresa nin entidade expresou queixas pola decisión”, indicou o presidente de Ulloa Viva, quen reiterou que o proxecto “non ten fondos públicos, nin auga, nin electricidade, nin licenza social”.

ÚLTIMAS

O Compostela cae ante o Marino de Luanco no seu debut ligueiro no Vero Boquete

A SD Compostela estreouse na competición ligueira cunha derrota por 0-3 fronte ao Marino...

Un paciente denuncia case catro horas de espera nun corredor das Urxencias do CHUS

A Asociación de Pacientes e Usuarios do CHUS denunciou un novo episodio de saturación...

Unha avaría deixa máis de dúas horas parados en Santiago os pasaxeiros dun Avlo con destino Madrid

Unha incidencia técnica impediu que un tren Avlo con destino Madrid saíse esta tarde...

Marta Abal reclama ao Concello que detalle a planificación das obras nos viais do rural compostelán

O Grupo Municipal Socialista de Santiago reclama ao Goberno local que dea a coñecer...

Un paciente denuncia case catro horas de espera nun corredor das Urxencias do CHUS

A Asociación de Pacientes e Usuarios do CHUS denunciou un novo episodio de saturación...

Sanidade Galega con Palestina convoca unha concentración no Obradoiro pola liberación do doutor Hussam Abu Safiya

Sanidade Galega con Palestina (SGCP) convocou para este domingo, 6 de setembro, unha concentración...

Santiago homenaxeará a Rosa Bassave dando o seu nome ao espazo natural recuperado da Lagoa de Cornes

O espazo natural recuperado da Lagoa de Cornes pasará a levar oficialmente o nome...