InicioDEPORTESCae o Obra en Sar ante o Cantabria (82-87) e encaixa a...

Cae o Obra en Sar ante o Cantabria (82-87) e encaixa a segunda derrota consecutiva

O Monbus Obradoiro deixa escapar un partido igualado ata o descanso e esnafrase no terceiro cuarto (12-25); Jassel Pérez (30) e o perímetro visitante desnivelan un duelo marcado pola baixa de Goran Huskic e por dúas técnicas locais

Publicado o

Por David M. Sobrino Platas

O Monbus Obradoiro non puido estrear cunha vitoria a liga en Fontes do Sar, caendo ante o Grupo Alega Cantabria por 82-87, nun encontro que se decidiu tras o intermedio. O equipo de Diego Epifanio ‘Epi’ marchou con vantaxe mínima ao descanso (44-43), pero sufriu un apagón ofensivo no regreso dos vestiarios: 12 puntos no terceiro parcial e moito castigo dende o arco cántabro. Co 0-2 no arranque da Primera FEB, en Compostela paira a sensación de ocasión perdida nunha noite na que pesou a ausencia do pivote Goran Huskic.

O choque arrincou cos visitantes marcando territorio de tres e cun Jassel Pérez xa protagonista. Westermann e Quintela responderon para equilibrar a apertura, e a rolda de trocos permitiu ao Obra colleitar unha pequena renda (21-19) ao peche do primeiro acto. No segundo cuarto medrou a figura de Felipe dos Anjos, que asumiu galóns por dentro, e un estalo anotador de Yunio Barrueta abriu a fenda ata o 38-30. Co pavillón empuxando —escoitouse un “Palestina vencerá” nas bancadas— Pérez mantivo vivo o Alega e foise ao descanso con 20 puntos, deixando todo por decidir.

A clave estivo ao volver: o Alega acelerou dende a longa distancia (Johnson, Powell e Hernández) e o terceiro cuarto converteuse nunha pendente para o conxunto compostelán (12-25). Barcello tratou de suxeitar a ofensiva local cun 2+1 e tiros liberados, mais os visitantes atoparon sempre resposta exterior e chegáronse a poñer +14 (56-70) xa no derradeiro parcial. O Obra intentou a remontada cun parcial de 7-0, pero os nervios —con técnicas a Barcello e Westermann— e a frialdade cántabra nas últimas posesións fixeron o resto.

No tramo final, Quintela sumou dende a liña para estreitar (69-76) e Dos Anjos fixo dano baixo o aro, mais Pérez asinou o trinta con dous triplasazos en momentos quentes e o Alega administrou o reloxo ata o 82-87 definitivo. En números, Barcello (25), Quintela (17), Westermann (12) e Dos Anjos (12) levaron o peso anotador obradoirista; polo bando cántabro, ademais do dominicano, brillaron Johnson (15), Powell (13) e Kande (10). O santiagués Pablo Hernández deixou 7 puntos na súa visita a Sar. Os parciais foron 21-19, 23-24, 12-25 e 26-19.

Tras o choque, Lolo Encinas puxo o foco na viraxe tras o descanso e no carácter do seu equipo: “No terceiro cuarto baixámoslles os puntos; a clave foi o nivel defensivo e ir ao barro”, dixo, antes de relativizar o impulso do seu equipo: “Nin fomos os da semana pasada nin somos os Lakers agora”. Sobre o impacto do seu novo exterior, engadiu: “Levaba 48 horas connosco; sabiamos a calidade que tiña e axudounos a xogar mellor”.

Pola súa banda, Epi abriu a súa comparecencia de prensa posterior ao partido cunha mensaxe á bancada: “Pedimos desculpas aos nenos e á nosa afección polo malentendido do saúdo final; non volverá pasar”. No plano deportivo, o técnico admitiu o burato do terceiro período e a falta de acerto: “Un cuarto de 12-25 é moito castigo; buscamos tiros liberados pero non entraron”. Sobre a esixencia do proxecto e as baixas, foi claro: “A presión existe e asumímola; sen poñer escusas, debemos sacar máis rendemento ao que temos mentres chega o recambio de Goran”.

O calendario non dá tregua e o Monbus Obradoiro deberá reaccionar fóra da casa para evitar que as dúas derrotas iniciais se convertan en tendencia. Co equipo “feito po”, como recoñeceu o adestrador, o reto inmediato pasa por recuperar consistencia mental, subir a productividade no rebote e manter o ADN de compartir o balón sen renunciar ao físico que demanda a categoría. En Sar quedou a proba: cando o perímetro visitante manda e o acerto falla, o partido marcha. A próxima oportunidade, lonxe de Santiago, medirá a resposta dun vestiario que prometeu erguerse e competir mellor.

ÚLTIMAS

Un paciente denuncia case catro horas de espera nun corredor das Urxencias do CHUS

A Asociación de Pacientes e Usuarios do CHUS denunciou un novo episodio de saturación...

Unha avaría deixa máis de dúas horas parados en Santiago os pasaxeiros dun Avlo con destino Madrid

Unha incidencia técnica impediu que un tren Avlo con destino Madrid saíse esta tarde...

Marta Abal reclama ao Concello que detalle a planificación das obras nos viais do rural compostelán

O Grupo Municipal Socialista de Santiago reclama ao Goberno local que dea a coñecer...

O PP denuncia que a Policía Local traballou con seis axentes nalgúns días do verán

O Partido Popular de Santiago denunciou a situación dos efectivos da Policía Local durante...

Roque González regresa ao Compostela para reforzar a defensa en Segunda Federación

A SD Compostela recupera a Roque González Delgado para a temporada 2026-2027. O futbolista...

A USC abre este martes a matrícula da súa oferta deportiva para o novo curso

A Universidade de Santiago de Compostela abrirá este martes, 1 de setembro, o prazo de...

Alonso Faure dá o salto á ACB co Monbus Obradoiro: “É un soño feito realidade”

O Monbus Obradoiro presentou este xoves a Alonso Faure como novo integrante do seu...

LEAVE A REPLY

Please enter your comment!
Please enter your name here