InicioCULTURAA SELIC abre en Compostela dez días de literatura e encontros arredor...

A SELIC abre en Compostela dez días de literatura e encontros arredor do libro

A feira literaria pon o foco na comunidade lectora, a diversidade e a proximidade, con máis de cen actividades na praza da Quintana

Publicado o

Xornal de Compostela

A Semana do Libro de Compostela (SELIC) abriu este venres 3 de outubro a súa edición de 2025, que se estenderá durante dez xornadas na praza da Quintana. A feira aposta este ano por situar no centro á comunidade lectora e a socialización arredor do libro, cun programa que combina presentacións, roteiros, recitais, concertos e obradoiros.

No acto inaugural, a alcaldesa Goretti Sanmartín destacou que “esta SELIC de outono está tomando as prazas”, ligando a programación coa memoria histórica da Quintana como escenario de actos literarios, políticos e culturais. Recordou episodios como a presenza do Batallón Literario en 1808, a foto de Federico García Lorca en 1932 ou as mobilizacións sociais que acolleu a praza, conectándoos cos roteiros e actividades previstas para os próximos días. A rexedora anunciou tamén que o domingo 5 non haberá programación en solidariedade co pobo palestino, coincidindo coa mobilización convocada pola Coordinadora Galega de Solidariedade con Palestina.

Entre as citas máis destacadas figura a presentación do libro gañador do Premio Selic 2025, ‘Sarela’ de Marga Tojo, o sábado 4 ás 13:00, nun encontro con Quico Cadaval e Paco Macías. O programa inclúe ademais roteiros pola Compostela de Roberto Vidal Bolaño, a Revolución de 1846 da man de Xurxo Martínez, a cidade de Lorca con Henrique Alvarellos ou a Compostela de Wharton e Hemingway guiada por Irmás Cartoné.

A carpa instalada na Quintana reúne este ano a editoras como Através, Hugin e Munin, Irmás Cartoné, Alvarellos ou Cuarto de Inverno, librarías como Lila de Lilith, Pedreira e Numax, ademais de bibliotecas e institucións culturais como o Consorcio de Santiago, a USC e o Colexio de Arquitectos de Galicia.

O cartel de participantes inclúe voces diversas, como Andrea Nunes Brións, Eli Ríos, Gemma Ruiz Palà, Teresa Moure, Faia Díaz, Eva Veiga ou Bob Pop, e combina literatura, música e creación colectiva. Todas as actividades son de entrada libre, con posibilidade de inscrición no momento para os obradoiros e paseos.

A organización subliña que a SELIC procura crear un espazo de intercambio e conversa arredor do libro entendido como hábito praceroso e tamén como ferramenta para a memoria e a reflexión social. A intención do Concello é prolongar o espírito da feira máis aló dos dez días, con accións educativas en centros de ensino, edición dun catálogo das obras participantes e materiais para fomentar a lectura desde a infancia ata a idade adulta.

ÚLTIMAS

O Compostela cae ante o Marino de Luanco no seu debut ligueiro no Vero Boquete

A SD Compostela estreouse na competición ligueira cunha derrota por 0-3 fronte ao Marino...

Un paciente denuncia case catro horas de espera nun corredor das Urxencias do CHUS

A Asociación de Pacientes e Usuarios do CHUS denunciou un novo episodio de saturación...

Unha avaría deixa máis de dúas horas parados en Santiago os pasaxeiros dun Avlo con destino Madrid

Unha incidencia técnica impediu que un tren Avlo con destino Madrid saíse esta tarde...

Marta Abal reclama ao Concello que detalle a planificación das obras nos viais do rural compostelán

O Grupo Municipal Socialista de Santiago reclama ao Goberno local que dea a coñecer...

Intelixencia artificial, robótica e impresión 3D entran na programación dos centros socioculturais de Santiago

A rede municipal de centros socioculturais de Santiago de Compostela porá en marcha no...

O Festival Agustín Magán celebra 25 anos cunha edición récord de dez compañías en Santiago

O Festival de Teatro Afeccionado Agustín Magán chega este ano á súa 25ª edición...

O Museo do Pobo Galego programa en setembro encontros sobre Rafael Baltar, poesía, patrimonio téxtil e memoria do exilio

O Museo do Pobo Galego inicia setembro cunha programación que combina arquitectura, investigación, literatura,...

LEAVE A REPLY

Please enter your comment!
Please enter your name here