InicioECONOMÍAMuíños logra a unanimidade no pleno para protexer ás persoas traballadoras de...

Muíños logra a unanimidade no pleno para protexer ás persoas traballadoras de Ryanair e impulsar novas rutas no aeroporto da Lavacolla

O Pleno avala por acordo unánime unha moción do concelleiro non adscrito que pide a Xunta, ao Estado e a AENA medidas urxentes ante o peche da base e a perda de conexións

Publicado o

Por David M. Sobrino Platas

A Corporación de Santiago aprobou por unanimidade a moción presentada polo concelleiro non adscrito Gonzalo Muíños para optimizar a competitividade do aeroporto Rosalía de Castro e blindar o emprego afectado polo peche da base de Ryanair. O texto insta ao Ministerio de Transportes, á Xunta de Galicia e a AENA a activar mecanismos de acompañamento laboral e a negociar novas conexións que compensen os recortes de operadoras. A proposta inclúe promoción en mercados emisores, avance no mapa de rutas acordado no Comité de Coordinación Aeroportuaria de Galicia e reforzo da interlocución coas compañías para captar novas operadoras.

No arranque do debate desta proposta, Muíños puxo o foco no impacto social do anuncio: máis de cen familias poderían quedar sen ingresos e 135 persoas de terra afrontan un panorama de incerteza. Defendeu un plan específico de protección do persoal e unha estratexia conxunta para que o aeroporto “despegue como principal infraestrutura galega”. O autor da moción aceptou un matiz do PP para estender a referencia ao persoal de voo, ademais do de terra.

O debate estivo marcado polos reproches a María Baleato (PP) por parte dos grupos do Goberno. María Rozas (Compostela Aberta) reclamou unha mensaxe común e censurou o ton do Partido Popular: “é unha pena que vostede veña a este Pleno a lernos o argumentario do Partido Popular“, dixo, lembrando que a conectividade aérea é clave para a diversificación económica de Santiago e que todas as administracións deben implicarse. A concelleira de Turismo, Míriam Louzao (BNG), criticou a “visión máis simplista” da bancada popular e afeou a repetición do relato de que o Goberno local “quere unha cidade pechada”: “empeza a ser un pouco cansina a cantinela… non significa que queiramos poñer unha cancela en Lavacolla”, replicou.

Desde o grupo socialista, Gumersindo Guinarte advertiu de que a decisión de Ryanair responde a unha política empresarial de concentración en aeroportos maiores, rexeitou que se atribúa o peche ás taxas de Santiago e pediu non “blanquear a actuación” da compañía. Sinalou, ademais, a asimetría de apoios públicos doutros territorios e reclamou liderado galego para a coordinación aeroportuaria.

Pola súa banda, María Baleato defendeu o voto favorable do PP, cualificou o anuncio de “terrible nova” e urxiu a que AENA e a empresa resolvan o conflito. Aproveitou para cuestionar a xestión municipal e reivindicar “un Santiago máis aberto ao mundo“, ao tempo que puxo o foco en que tamén haberá traslados e despedimentos en tripulacións e en emprego indirecto ligado ao aeroporto. As súas intervencións provocaron as réplicas máis duras do resto de grupos, que lle reprocharon “reducir o problema” e “repetir un relato” alleo ás propostas concretas para o persoal afectado e para a conectividade.

No peche, a alcaldesa ‘Goretti Sanmartín’ salientou a mensaxe unánime de solidariedade co cadro de persoal e apelou a traballar con “todas as administracións e co tecido socioeconómico” para definir especialización e complementariedade do sistema galego. Lembrou que o Comité de Coordinación Aeroportuaria está convocado para o próximo venres 3 de outubro e pediu “deixar a un lado prexuízos e estereotipos” para avanzar nun acordo estable.

ÚLTIMAS

O Compostela cae ante o Marino de Luanco no seu debut ligueiro no Vero Boquete

A SD Compostela estreouse na competición ligueira cunha derrota por 0-3 fronte ao Marino...

Un paciente denuncia case catro horas de espera nun corredor das Urxencias do CHUS

A Asociación de Pacientes e Usuarios do CHUS denunciou un novo episodio de saturación...

Unha avaría deixa máis de dúas horas parados en Santiago os pasaxeiros dun Avlo con destino Madrid

Unha incidencia técnica impediu que un tren Avlo con destino Madrid saíse esta tarde...

Marta Abal reclama ao Concello que detalle a planificación das obras nos viais do rural compostelán

O Grupo Municipal Socialista de Santiago reclama ao Goberno local que dea a coñecer...

Lestegás reclama que Santiago xestione os fondos estatais para as zonas de mercado tensionado

O Concello de Santiago reclama poder xestionar directamente os fondos que o Ministerio de...

Louzao sitúa o turismo de Santiago nunha fase de estabilización e defende a diversificación aérea tras a saída de Ryanair

A concelleira de Turismo de Santiago, Míriam Louzao, realizou este mércores un primeiro balance...

Santiago, entre as cidades beneficiadas polos 5,1 millóns para zonas tensionadas

O Ministerio de Vivenda e Axenda Urbana destinará 5,1 millóns de euros a Galicia...

LEAVE A REPLY

Please enter your comment!
Please enter your name here