InicioPOLÍTICAO PSdeG anuncia voto en contra da ordenanza do lixo e da...

O PSdeG anuncia voto en contra da ordenanza do lixo e da taxa, e avala os cambios fiscais co recargo do IBI ás vivendas baleiras

O grupo socialista reclama rehacer a norma de residuos por inseguridade xurídica, cuestiona a suba da taxa en plena crise do servizo e confirma o apoio ao recoñecemento extraxudicial de gasto do bus por case 3 millóns

Publicado o

Xornal de Compostela

O Grupo Municipal Socialista avanzou este martes a súa posición ante o Pleno: apoio ao recoñecemento extraxudicial de crédito polos gastos do transporte colectivo —“case tres millóns de euros”, precisou Gumersindo Guinarte— e voto favorable á modificación da chamada “ordenanza paraugas” de ingresos municipais (que atinxe IBI, ICIO e Imposto de Circulación). Pola contra, os socialistas rexeitarán a aprobación definitiva da ordenanza de xestión do servizo do lixo e a aprobación inicial da ordenanza fiscal que actualiza a taxa de recollida, transporte e tratamento de residuos.

Guinarte celebrou que o recoñecemento extraxudicial do bus regrese á orde do día: “Non hai ningunha razón para que non saia adiante; xa no mandato anterior se aprobaron recoñecementos iguais con informes idénticos”. Sobre as ordenanzas de ingresos, avanzou a coincidencia co paquete proposto polo Goberno local, incluído o recargo do IBI ás vivendas baleiras: “Compartimos a medida para incentivar o retorno ao mercado”, aínda que advertiu de dúbidas sobre a súa eficacia práctica.

A fronte principal do desacordo sitúase no lixo. A voceira socialista Marta Abal pediu retirar e rehacer a ordenanza de prestación do servizo, que cualificou de insegura xuridicamente: “Advertiuse no informe de asesoría que se vulnera o principio de reserva de lei ao relegar a instrucións e ordes de servizo cuestións que deben estar na ordenanza”. Segundo explicou, 47 entidades presentaron alegacións e, “baixo a escusa de erros materiais”, o texto incorpora modificacións de fondo: “Reescríbense artigos; como mínimo debería abrirse un novo período de exposición pública”. O PSdeG reclama volver iniciar a tramitación e dialogar cos sectores afectados.

No plano técnico, Abal enumerou as eivas detectadas: ambigüidade e discrecionalidade do articulado; habilitación para introducir novas obrigas vía normas de desenvolvemento (por exemplo, novas fraccións de reciclaxe ou límites de entrada de residuos comerciais non perigosos con régime sancionador asociado); baleiro sobre o procedemento de entrada/saída do sistema para produtores comerciais; e carga burocrática excesiva ao solicitar datos que xa constan en plataformas autonómicas e estatais: “Non podemos pedir ás empresas información que xa están remitindo a outras administracións”.

Respecto da ordenanza fiscal da taxa do lixo, o PSdeG xustifica o seu voto en contra no estado actual do servizo: “É evidente que non se está cumprindo o contrato: faltan vehículos e maquinaria, non está operativa a infraestrutura informática, non se limpan os contedores coa frecuencia esixida nin se substituíron todas as illas soterradas”, resumiu Abal. Coa prestación “cuestionada como nunca”, a formación considera indefendible “subir unha taxa que pagan todas as persoas contribuíntes”. Tamén reprocha falta de diálogo e pedagoxía: “Correspóndelle ao Goberno explicar o porqué e o como, por exemplo a referencia ao valor catastral na tarificación doméstica”.

Os socialistas demandan axustar a taxa á realidade do servizo por zonasrural/urbano, ensanche/casco histórico— e revisar os coeficientes da tarifa non doméstica: “Non ten sentido que o restaurante pague o dobre ca cafetería cando moitas cafeterías funcionan na práctica como restaurantes”.

Sobre o contrato do lixo —adxudicado no mandato anterior—, Guinarte lembrou que a selección seguiu criterios regrados, pero situou a responsabilidade no Goberno municipal: “Quen debe esixir o cumprimento estrito é o Goberno; se hai que limpar contedores cada 15 días, debe facerse. Se as sancións non mudan a dinámica, haberá que explorar outras solucións”.

En vivenda, o PSdeG apoiará o recargo do IBI ás vivendas baleiras, pero pide acoutar mellor o obxecto de actuación e elaborar un estudo rigoroso, con prazo, sobre o parque desocupado: “Un criterio como que non haxa persoas empadroadas non abonda e pode saturar os servizos municipais sen resultado”.

Ao fío doutras cuestións da cidade, Guinarte tamén se referiu ao Conector Central, cualificándoo de elemento estruturante que require solucións que minimicen impactos e compatibilicen accesos a centros escolares e á Praza de Abastos: “Non se pode cortar e peonalizar sen máis; hai condicionantes que hai que equilibrar”.

ÚLTIMAS

O Compostela cae ante o Marino de Luanco no seu debut ligueiro no Vero Boquete

A SD Compostela estreouse na competición ligueira cunha derrota por 0-3 fronte ao Marino...

Un paciente denuncia case catro horas de espera nun corredor das Urxencias do CHUS

A Asociación de Pacientes e Usuarios do CHUS denunciou un novo episodio de saturación...

Unha avaría deixa máis de dúas horas parados en Santiago os pasaxeiros dun Avlo con destino Madrid

Unha incidencia técnica impediu que un tren Avlo con destino Madrid saíse esta tarde...

Marta Abal reclama ao Concello que detalle a planificación das obras nos viais do rural compostelán

O Grupo Municipal Socialista de Santiago reclama ao Goberno local que dea a coñecer...

Marta Abal reclama ao Concello que detalle a planificación das obras nos viais do rural compostelán

O Grupo Municipal Socialista de Santiago reclama ao Goberno local que dea a coñecer...

O PP denuncia que a Policía Local traballou con seis axentes nalgúns días do verán

O Partido Popular de Santiago denunciou a situación dos efectivos da Policía Local durante...

Sanmartín prevé asinar o novo contrato dos autobuses en setembro e poñer o servizo en marcha este outono

A alcaldesa de Santiago, Goretti Sanmartín, situou para finais da próxima semana ou comezos...

LEAVE A REPLY

Please enter your comment!
Please enter your name here