InicioSANTIAGOO Concello inicia este luns a reurbanización da rúa García Lorca cun...

O Concello inicia este luns a reurbanización da rúa García Lorca cun investimento de máis dun millón de euros

A intervención terá unha duración estimada de 16 meses e dividirase en tres fases para reducir as afectacións ao tráfico

Publicado o

Xornal de Compostela

O vindeiro luns, 1 de setembro, comezarán as obras de reurbanización da rúa García Lorca en Santiago de Compostela, logo dunha semana de traballos preparatorios. A actuación, cun investimento superior ao millón de euros e un prazo de execución de 16 meses, busca mellorar a seguridade, accesibilidade e funcionalidade desta vía, tanto para a veciñanza como para visitantes.

O proxecto inclúe a renovación integral dos pavimentos, a mellora da accesibilidade peonil, a substitución das redes de saneamento, abastecemento e alumeado público, así como a instalación de novo mobiliario urbano e zonas verdes. A finalidade é modernizar a infraestrutura e incrementar a calidade do espazo público neste ámbito da cidade.

A obra desenvolverase en tres fases. Na primeira, que se prolongará de setembro de 2025 a febreiro de 2026, habilitarase un carril único en sentido Castelao–Irmandiños, manterase o acceso a autobuses e garaxes, mais restrinxirase o paso de vehículos pesados e quedará prohibido o estacionamento. O tránsito peonil estará garantido con pasarelas adaptadas e sinalizadas.

Na segunda fase, desde febreiro de 2026, permitirase o acceso rodado de residentes por tramos, tanto desde Castelao a Guadalupe como desde Irmandiños á praza Celso Emilio Ferreiro. Nesta etapa cortarase o tráfico na rúa Guadalupe á altura da igrexa e habilitaranse prazas específicas para os garaxes afectados. O estacionamento seguirá prohibido.

A terceira fase, prevista para xuño de 2026, manterá o acceso a residentes entre Castelao e a praza Celso Emilio Ferreiro, con dirección obrigatoria desde Guadalupe cara a Castelao. O acceso aos garaxes da praza estará garantido, aínda que con posibles restricións puntuais.

O Concello dispuxo un servizo de atención á cidadanía durante a execución da obra, accesible no teléfono gratuíto 900 869 347, no correo info@marconsa.es e na oficina aberta na avenida de Castelao nº12.

O concelleiro de Obras, Xesús Domínguez, afirmou que se trata dunha “resposta a unha demanda histórica da veciñanza”, cun proxecto que “mellorará a calidade do espazo público e a funcionalidade dos servizos”. Tamén destacou que a planificación das fases “procura reducir o impacto diario, garantindo o tránsito peonil e o acceso a garaxes sempre que sexa posible”.

A intervención en García Lorca enmárcase na estratexia do Goberno local de avanzar cara a unha cidade máis habitable, accesible e sustentable, priorizando a mellora dos espazos públicos e da calidade de vida.

ÚLTIMAS

Multitudinario recoñecemento a Álvaro García Ortiz na casa das máquinas

A Casa das Máquinas acolleu este xoves un multitudinal acto de recoñecemento a Álvaro...

A CEP denuncia o abandono da comisaría de Santiago tras máis de dous meses do incendio

A Confederación Española de Policía (CEP) denunciou publicamente o que considera unha situación de...

O concerto de El Último de la Fila trasládase a Santiago tras o veto ao uso de Riazor

O concerto do grupo 'El Último de la Fila' previsto inicialmente para o 13...

A Xunta prevé investir máis de 50 millóns de euros en Mallou para impulsar un novo barrio en Santiago

A Consellería de Vivenda e Planificación de Infraestruturas presentou o proxecto de desenvolvemento do...

Multitudinario recoñecemento a Álvaro García Ortiz na casa das máquinas

A Casa das Máquinas acolleu este xoves un multitudinal acto de recoñecemento a Álvaro...

Funcionarios de Xustiza denuncian “explotación laboral” nos xulgados de Fontiñas

Funcionarios do xulgado de instancia de Santiago de Compostela concentráronse este xoves diante dos...

Santiago acolle o Foro Galego de Cooperación e Solidariedade con chamamentos a reforzar o compromiso institucional

O Centro de Recursos e Servizos de Apoio Empresarial (CERSEA), en Santiago de Compostela,...

LEAVE A REPLY

Please enter your comment!
Please enter your name here