InicioSANTIAGOO Concello de Santiago reforza a conciliación familiar con 674 prazas no...

O Concello de Santiago reforza a conciliación familiar con 674 prazas no programa ‘Compostela Concilia’

Publicado o

Xornal de Compostela

A concellería de Educación do Concello de Santiago continúa a desenvolver o programa municipal Compostela Concilia, unha iniciativa que busca facilitar a conciliación das familias durante os períodos non lectivos. Este ano, o servizo ofrece un total de 674 prazas, distribuídas entre as distintas quendas de vacacións escolares: xuño, xullo, agosto, setembro, Entroido, Semana Santa e Nadal.

As quendas de xuño, xullo e setembro, as máis solicitadas pola veciñanza compostelá, concentran 195 prazas, mentres que en agosto o número de prazas dispoñibles é de 90. O programa desenvólvese nos centros educativos Monte dos Postes e Ramón Cabanillas, onde os nenos e nenas participan en actividades orientadas á natureza, como plantación de sementes, deseños naturais e descubertas do contorno.

A concelleira de Educación, Míriam Louzao, visitou durante esta semana varias sesións do programa e salientou que unha das principais melloras foi a ampliación das prazas de comedor nun 60%, co obxectivo de igualar a oferta de prazas ao número de participantes nas actividades. “Sabemos que o acceso ao comedor era unha demanda social e de xustiza, clave para garantir que moitas nais e pais poidan traballar con tranquilidade, sabendo que os seus fillos están ben atendidos”, indicou.

O Concello destinou 626.000 euros á licitación deste programa para os vindeiros dous anos, dividindo o contrato en dous lotes: un para a atención pedagóxica e monitorado, e outro para os servizos de almorzo e xantar. Segundo explicou Louzao, esta estrutura permite que “cada empresa poida especializarse nas súas competencias e garantir un servizo de máxima calidade”.

Outro dos eixes destacados do programa é a inclusión. O Concello reserva un 3% das prazas adicionais para menores con necesidades específicas, ofrecendo un ou unha profesional de apoio por cada neno ou nena. “É un compromiso firme coa inclusión que marca unha diferenza respecto a etapas anteriores. Garantimos que todos poidan participar nas mesmas condicións, independentemente das súas capacidades”, engadiu a concelleira.

O programa Compostela Concilia insírese nunha liña de actuación municipal que busca equilibrar a vida laboral, persoal e familiar, ao tempo que promove valores educativos, sociais e de respecto á diversidade nos tempos de vacacións escolares. A segunda quenda de xullo foi a máis demandada pola cidadanía, confirmando a acollida positiva dunha proposta que segue medrando en participación e recursos.

ÚLTIMAS

O Compostela cae ante o Marino de Luanco no seu debut ligueiro no Vero Boquete

A SD Compostela estreouse na competición ligueira cunha derrota por 0-3 fronte ao Marino...

Un paciente denuncia case catro horas de espera nun corredor das Urxencias do CHUS

A Asociación de Pacientes e Usuarios do CHUS denunciou un novo episodio de saturación...

Unha avaría deixa máis de dúas horas parados en Santiago os pasaxeiros dun Avlo con destino Madrid

Unha incidencia técnica impediu que un tren Avlo con destino Madrid saíse esta tarde...

Marta Abal reclama ao Concello que detalle a planificación das obras nos viais do rural compostelán

O Grupo Municipal Socialista de Santiago reclama ao Goberno local que dea a coñecer...

Unha avaría deixa máis de dúas horas parados en Santiago os pasaxeiros dun Avlo con destino Madrid

Unha incidencia técnica impediu que un tren Avlo con destino Madrid saíse esta tarde...

‘O Encontro’ levará á Alameda unha xornada para achegar a democracia á mocidade galega

A Alameda de Santiago de Compostela converterase o sábado 12 de setembro nun espazo...

Seis policías auxilian en Santiago unha muller gravemente ferida tras unha agresión da súa parella

Seis axentes da Policía Nacional auxiliaron nunha vivenda do centro de Santiago unha muller...

LEAVE A REPLY

Please enter your comment!
Please enter your name here