InicioECONOMÍAA Xunta rexeita a solicitude de Santiago para ser declarada zona tensionada...

A Xunta rexeita a solicitude de Santiago para ser declarada zona tensionada por falta de documentación válida

O Concello poderá reiniciar o proceso, mais o IGVS acusa a Raxoi de non atender os requirimentos nin aceptar unha reunión técnica

Publicado o

Xornal de Compostela

O proceso para que Santiago de Compostela sexa declarada como zona de mercado residencial tensionado, condición que permitiría limitar os prezos do alugueiro na cidade, queda paralizado tras a decisión da Xunta de dar por desistida a solicitude do Concello. O motivo alegado pola Consellería de Vivenda e Planificación de Infraestruturas é que o goberno municipal non deu unha “resposta válida” ao requirimento para completar a documentación presentada.

A resolución, comunicada este martes a través dun escrito oficial da Xunta, implica que o proceso deberá reiniciarse desde o comezo. A administración autonómica indica que o Concello poderá volver presentar a petición, sempre que o faga coa documentación esixida para que “poida ser tramitada adecuadamente”.

A solicitude inicial fora remitida polo goberno municipal o pasado mes de maio, incluíndo un informe técnico co obxectivo de activar os mecanismos previstos pola Lei estatal de vivenda. Con todo, segundo indica o Instituto Galego de Vivenda e Solo (IGVS), o expediente presentado non se axustaba aos requisitos legais. A resposta ao Concello, emitida a comezos de xullo, solicitaba a emenda de diversas deficiencias, en especial no tocante ao plan de medidas correctoras e ao diagnóstico da situación de mercado tensionado.

O executivo local, pola súa banda, mantivo que os informes achegados eran suficientes. Así o defendeu o concelleiro de Urbanismo, Iago Lestegás, nun escrito enviado ao IGVS ao longo do mes de xullo, no que insistía na validez dos datos empregados, aínda que incorporaba algunhas aclaracións.

Porén, a Xunta considera que a resposta do Concello non achegou as modificacións substanciais requiridas. Entre os principais puntos de desacordo, o IGVS sinala a falta de concreción das medidas propostas, que “carecían de incidencia real” ou xa estaban en execución, e a ausencia dun calendario claro de aplicación. Ademais, cuestionan o uso de datos extraídos de portais inmobiliarios como base do diagnóstico —fronte á esixencia de fontes estatísticas oficiais— e reclaman unha xustificación clara da proposta do Concello para considerar “gran posuidor” a quen teña cinco vivendas, e non dez, como recolle a lei estatal.

Tamén se critica desde a Xunta a actitude do executivo compostelán ao non aceptar a proposta dunha reunión técnica entre ambas administracións. Segundo explica o director do IGVS, Heriberto García, houbo contacto previo entre técnicos do organismo autonómico e do Concello, pero a resposta municipal foi “obviar as reunións ofrecidas” e limitarse a unha contestación por escrito que, segundo a Xunta, “non dá resposta ao solicitado”.

A carta remitida por Raxoi o pasado día 23 de xullo limitouse, segundo a versión da Xunta, a rebatir os argumentos do requirimento, sen achegar nova documentación nin modificacións relevantes.

O resultado deste intercambio administrativo é a paralización oficial da solicitude, aínda que a Xunta deixa aberta a porta a que o Concello presente un novo expediente, sempre que cumpra os requisitos formais establecidos.

Este paso atrás contrasta coa situación doutras cidades galegas. De feito, a semana pasada, o Boletín Oficial do Estado (BOE) publicou a resolución do Ministerio de Vivenda pola que se declara A Coruña como zona tensionada, sendo o primeiro municipio galego en acadar esta consideración.

SANMARTÍN ASEGURA QUE O CONCELLO “NON VAI DESISTIR”

A alcaldesa de Santiago, Goretti Sanmartín, respondeu á decisión da Xunta asegurando que “Santiago non desiste nin vai desistir da solicitude de zona de mercado residencial tensionado”. Criticou tamén o feito de que a resposta oficial do Goberno galego chegase antes aos medios de comunicación que ao propio Concello, o que, ao seu xuízo, revela “unha clara intención política”. Para a rexedora, “é evidente que ao Partido Popular non lle interesa que se conteñan os prezos do alugueiro en Santiago”, e acusa á Xunta de reter a declaración ao non poder denegala formalmente, malia que, segundo ela, o Concello “cumpre cos requisitos”. Sanmartín advertiu de que manter a cidade nun “limbo administrativo” supón un prexuízo directo para a veciñanza, que continúa sen protección fronte á subida de prezos no mercado do alugueiro.

GUINARTE PÍDELLE Á ALCALDESA QUE DEIXE DE LADO OS “EGOS INSTITUCIONAIS”

Pola súa banda, o voceiro do Grupo Municipal Socialista, Gumersindo Guinarte, pediu ao goberno local que deixe de lado a confrontación coa Xunta e se centre en facer as modificacións necesarias para sacar adiante a declaración de zona tensionada. “Dende o Grupo Municipal Socialista, pensamos que o goberno da señora Sanmartín debe deixarse de misivas e de correspondencia epistolar coa Xunta de Galicia”, afirmou, incidindo na necesidade de que ambas administracións “se senten a traballar” para culminar o proceso. Guinarte advertiu que os “egos” institucionais non poden primar sobre o dereito á vivenda da cidadanía e puxo como exemplo o caso da Coruña, que “comezou despois e xa obtivo a autorización do goberno central”. Para os socialistas, esta é unha medida clave, demandada desde hai máis dun ano, que debe ser desbloqueada sen atrancos por parte da Xunta. “A vivenda é o problema que máis preocupa aos cidadáns de Santiago”, concluíu, lembrando que esta declaración busca precisamente garantir un acceso real e asequible á vivenda.

ÚLTIMAS

O Compostela cae ante o Marino de Luanco no seu debut ligueiro no Vero Boquete

A SD Compostela estreouse na competición ligueira cunha derrota por 0-3 fronte ao Marino...

Un paciente denuncia case catro horas de espera nun corredor das Urxencias do CHUS

A Asociación de Pacientes e Usuarios do CHUS denunciou un novo episodio de saturación...

Unha avaría deixa máis de dúas horas parados en Santiago os pasaxeiros dun Avlo con destino Madrid

Unha incidencia técnica impediu que un tren Avlo con destino Madrid saíse esta tarde...

Marta Abal reclama ao Concello que detalle a planificación das obras nos viais do rural compostelán

O Grupo Municipal Socialista de Santiago reclama ao Goberno local que dea a coñecer...

Lestegás reclama que Santiago xestione os fondos estatais para as zonas de mercado tensionado

O Concello de Santiago reclama poder xestionar directamente os fondos que o Ministerio de...

Louzao sitúa o turismo de Santiago nunha fase de estabilización e defende a diversificación aérea tras a saída de Ryanair

A concelleira de Turismo de Santiago, Míriam Louzao, realizou este mércores un primeiro balance...

Santiago, entre as cidades beneficiadas polos 5,1 millóns para zonas tensionadas

O Ministerio de Vivenda e Axenda Urbana destinará 5,1 millóns de euros a Galicia...