InicioSANTIAGOA taxa turística chegará finalmente a Santiago o vindeiro 1 de outubro

A taxa turística chegará finalmente a Santiago o vindeiro 1 de outubro

A ordenanza contou co apoio do bipartito, PSOE e concelleiras non adscritas, mentres o PP se abstivo por considerar que o modelo é "unha chapuza"

Publicado o

Xornal de Compostela

A taxa turística comezará a aplicarse en Santiago de Compostela o vindeiro 1 de outubro, segundo aprobou este xoves o pleno municipal, tras meses de debate e negociacións. A medida saíu adiante cos votos favorables de BNG, Compostela Aberta, PSOE e dos concelleiros non adscritos, fronte á abstención do Partido Popular, que rexeita o modelo proposto polo Goberno local.

A concelleira de Turismo, Míriam Louzao, defendeu a ordenanza como un paso imprescindible para “equilibrar os custos que xera a actividade turística na cidade”. A normativa recolle dúas modificacións respecto ao texto inicial aprobado en maio: a entrada en vigor queda fixada para outubro e crearase unha comisión de seguimento no prazo de seis meses. Esta comisión estará integrada no Foro de Turismo Sustentable, con representación municipal, do sector e das asociacións veciñais. Entre as súas competencias estará supervisar o destino dos fondos recadados e debater a posibilidade de aplicar tamén a taxa ao excursionismo.

A taxa será unha recarga ao imposto autonómico de estancias turísticas, regulado pola Xunta de Galicia tras unha petición expresa do Concello. Aplicarase en estadías entre un e cinco días, cun rango de prezos entre 1 e 2,5 euros diarios. Segundo a lexislación vixente, o 80% da recadación deberá destinarse a accións de turismo sustentable.

A sesión plenaria deste xoves reproduciu as posicións da votación anterior, pero tamén serviu para constatar os matices e críticas internas. Desde o PSOE, o edil Gumersindo Guinarte reclamou un maior diálogo co sector hostaleiro, crítica compartida polas concelleiras non adscritas Mercedes Rosón e Goretti Sanmartín, que apoiaron a ordenanza pero lamentaron a falta de acordos previos. Rosón insistiu en que a medida é necesaria: “Non podemos seguir sostendo este modelo sen que nos custe calidade de vida”.

Por parte dos non adscritos, condicionouse o voto favorable a catro compromisos: a creación da comisión, a delimitación clara dos usos da recadación, o impulso dun vídeo mapping o 25 de xullo e a regulación da chegada de autobuses de excursionistas, que se deberán descargar exclusivamente na dársena de Xoán XXIII. A concelleira Louzao valorou positivamente estas achegas e comprometeuse a debatelas no marco do Foro.

O Partido Popular, pola súa banda, mantivo unha postura moi crítica coa tramitación da ordenanza. O portavoz, Borja Verea, acusou ao Goberno municipal de provocar unha “ruptura social” co sector turístico e de “non estar preparado” para xestionar a recadación. Tamén lamentou a ausencia dun informe favorable da Tesouraría e a falta de concreción no destino dos fondos. A pesar destas críticas, o PP optou finalmente pola abstención.

A taxa turística non é nova nos debates locais. Compostela Aberta impulsouna xa entre 2015 e 2019 e o anterior goberno socialista tamén traballou na súa formulación. A tenente de alcaldesa, María Rozas, lembrou que “hai unha década chamábannos turismofóbicos” e destacou que a aprobación supón “unha vitoria colectiva” cara a un modelo turístico máis sostible.

A cidade da Coruña aprobou tamén esta semana a aplicación da recarga turística, que comezará alí un mes antes, o 1 de setembro. A este respecto, Louzao declarou que se alegraban por esta coincidencia e defendeu que non se trata dunha carreira entre cidades, senón dun paso relevante para todo o país. A alcaldesa Goretti Sanmartín cualificou a decisión como “histórica, non só para Santiago, senón para Galicia”.

ÚLTIMAS

Festas do Apóstolo 2026: Volve o espectáculo de luces con fogos artificiais e dez días de concertos

As festas do Apóstolo deron comezo este mércores co pregón do empresario e promotor...

Santiago terá unha nova rede de buses con 16 liñas, conexións ao rural e servizo nocturno

A nova rede de autobuses de Santiago de Compostela empezará a funcionar previsiblemente este...

CC.OO. mobilízase nas Cancelas contra a apertura do comercio en domingos e festivos

A federación de servizos de Comisións Obreiras concentrou este mércores a ducias de delegados diante...

O Compostela TradFest encherá de música tradicional o centro histórico durante máis de doce horas

Santiago de Compostela acollerá o vindeiro 26 de xullo a oitava edición do Compostela...

A USC lanza un plan para aliviar a presión da vivenda universitaria en Santiago e Lugo

A Universidade de Santiago de Compostela presentou este venres o seu novo Plan Social...

Dúas gasolineiras en Santiago entre as máis baratas na AP-9 en período vacacional xunto a outra de Ferrol

A Organización de Consumidores e Usuarios (OCU) realizou un estudo sobre as gasolineiras máis...

Persoal do transporte de mercadorías reclama un “convenio provincial digno” en Santiago

Persoal do transporte de mercadorías por estrada, convocado polos sindicatos CCOO, CIG e UGT,...