InicioCULTURAO festival 'Feito a Man' celebra 22 anos de cultura nas rúas...

O festival ‘Feito a Man’ celebra 22 anos de cultura nas rúas de Compostela con máis de 40 propostas musicais e escénicas

A nova edición ofrecerá jazz, rock, blues, flamenco, folk, impro e actividades colaborativas con ONG en espazos emblemáticos da zona vella

Publicado o

Xornal de Compostela

O mes de agosto volverá encherse de vida e cultura na zona vella de Santiago de Compostela coa celebración da 22ª edición do festival ‘Feito a Man’, un ciclo de concertos e accións artísticas organizado pola Asociación Cidade Vella coa colaboración do Concello de Santiago. A programación foi presentada esta semana pola concelleira de Turismo e Festas, Míriam Louzao, quen destacou que se trata dun proxecto “nacido da cidade para a cidade”, que “resignifica espazos singulares a través da música, do teatro, da performance e do cabaré”.

O festival desenvolverase ao longo de todo o mes de agosto e contará con máis de 40 propostas musicais e escénicas, nas que participarán artistas e grupos de Galicia, España, Portugal, Brasil e Arxentina, entre outros. A apertura terá lugar coa banda compostelá Sumrrá, que celebra o seu 25 aniversario e que ofrecerá o concerto inaugural na praza da Quintana, espazo que acollerá tamén algunhas das citas máis destacadas do festival.

A programación mestura artistas consolidados e novas voces, con especial presenza do talento local e dunha ampla variedade de xéneros musicais: jazz, rock, blues, flamenco, folk, música de autor, música brasileira e propostas escénicas como a improvisación teatral, que se incorpora por primeira vez ao festival. Entre os nomes salientables están Amoeba Split, Anari García, Raimann Blues con Julián Maeso, Luciana Jury, Sara Rubia & The Bandits, Ton Risco, La Cantona, Bato Xai ou Santi Araujo, entre moitos outros.

Tamén se programaron sesións vermú, actuacións off e un acto de clausura especial na praza de San Martiño Pinario o 22 de agosto, cun cartel que inclúe ao trío Agora Tá con Sergio Tannus, a argentina Luciana Jury e o grupo Sara Rubia & The Bandits, que ofrecerá unha proposta de rock psicodélico con músicos da zona sur de Galicia como Indy Tumbita.

A directora do festival, Ánxeles Porto, salientou o carácter “modesto pero revolucionario” do formato, nado en 2004 como unha maneira de “botar por fóra” a actividade cultural que se xesta durante o inverno nos locais composteláns. Porto reivindicou a necesidade de apoio institucional e social para garantir a continuidade dun modelo que non conta con ingresos directos e que depende do respaldo público.

Nesta edición, o festival incorpora tamén colaboracións con ONG e entidades sociais, como Adega, Ecovidrio, Greenpeace, Andaina, a Mesa pola Normalización Lingüística e outras. Está prevista unha exposición fotográfica sobre o voluntariado ambiental de Greenpeace en Galicia, así como unha charla arredor da moratoria do eucalipto.

A imaxe do festival deste ano, ideada por Antón Corsario, pon o foco na defensa da natureza e dos dereitos ecolóxicos, cun lema que reivindica que “o río tamén ten dereitos e tamén canta”, nunha clara referencia á situación ambiental do río Sarela e á necesidade de preservar os espazos naturais na contorna do Camiño de Santiago.

ÚLTIMAS

O Compostela cae ante o Marino de Luanco no seu debut ligueiro no Vero Boquete

A SD Compostela estreouse na competición ligueira cunha derrota por 0-3 fronte ao Marino...

Un paciente denuncia case catro horas de espera nun corredor das Urxencias do CHUS

A Asociación de Pacientes e Usuarios do CHUS denunciou un novo episodio de saturación...

Unha avaría deixa máis de dúas horas parados en Santiago os pasaxeiros dun Avlo con destino Madrid

Unha incidencia técnica impediu que un tren Avlo con destino Madrid saíse esta tarde...

Marta Abal reclama ao Concello que detalle a planificación das obras nos viais do rural compostelán

O Grupo Municipal Socialista de Santiago reclama ao Goberno local que dea a coñecer...

Intelixencia artificial, robótica e impresión 3D entran na programación dos centros socioculturais de Santiago

A rede municipal de centros socioculturais de Santiago de Compostela porá en marcha no...

O Festival Agustín Magán celebra 25 anos cunha edición récord de dez compañías en Santiago

O Festival de Teatro Afeccionado Agustín Magán chega este ano á súa 25ª edición...

O Museo do Pobo Galego programa en setembro encontros sobre Rafael Baltar, poesía, patrimonio téxtil e memoria do exilio

O Museo do Pobo Galego inicia setembro cunha programación que combina arquitectura, investigación, literatura,...

LEAVE A REPLY

Please enter your comment!
Please enter your name here