InicioECONOMÍARaxoi incorpora o pago anticipado a convenios con entidades sociais para atender...

Raxoi incorpora o pago anticipado a convenios con entidades sociais para atender a unha demanda “histórica”

Son Cáritas Diocesana, por un importe de 120.000 euros; Cociña Económica, por 70.000 euros, e ASPANAES, cunha achega de 10.000 euros.

Publicado o

Xornal de Compostela

O Concello de Santiago incorporou o pago anticipado como fórmula de cara ao abono dos convenios con entidades sociais para evitar que sexan estas as que teñan que anticipar os fondos económicos e, así, atender a unha petición “histórica” dos organismos. Dun total de once convenios autorizados este luns por un valor total de 320.000 euros, son tres as entidades que se verán beneficiadas en primeiro lugar por esta fórmula. Neste caso, son Cáritas Diocesana, por un importe de 120.000 euros; Cociña Económica, por 70.000 euros, e ASPANAES, cunha achega de 10.000 euros.

A concelleira de Dereitos e Servizos Sociais, María Rozas, informou desta novidade en rolda de prensa, na que adiantou que outras entidades tamén se beneficiarán desta posibilidade “máis adiante”. Así, cualificouna como unha demanda “histórica” destes organismos, que pedían a incorporación desta fórmula “desde hai moitísimo tempo”. Este mecanismo permite que “non teñan que ser elas quen anticipen os fondos”, así como anticipar problemas de liquidez e evitar acudir a pólizas de crédito, entre outras vantaxes.

CONVENIOS APROBADOS

Así mesmo, os once convenios aprobados este luns na reunión semanal da xunta de goberno local “reflicten unha aposta” do orzamento local de 2025 por “continuar ampliando as políticas sociais” e “reforzar o traballo e a colaboración do Concello de Santiago con entidades do terceiro sector”. A edila destacou que estas organizacións fan funcións “esenciais” para a cidade e con “moi pouco”. Entre os acordos aprobados, está o asinado con Cruz Vermella para o desenvolvemento do Servizo Municipal de Atención ás Urxencias Sociais (SEMUS), presentado a semana anterior e cun valor de case 125.000 euros de orzamento.

Así mesmo, o Concello aprobou de outorgar unha dotación de 20.000 euros ao desenvolvemento do programa de atención bucodental a persoas en risco de exclusión social impulsado pola Universidade de Santiago de Compostela (USC). Outras das entidades beneficiadas destes acordos son: o albergue de Xoán XXIII por un importe de 60.000 euros; Proxecto Home por 45.000 euros; Dano Cerebral de Santiago por 8.000 euros, dirixidos ao seu programa de actividades acuáticas e autocuidado; ACEM por 12.000 euros; Asociación Itínera por 9.000 euros; ASPAS por 6.000 euros, destinado ao seu programa de respiro e emerxencia familiar; Fundación Andrea por 3.000 euros, e Escola de tempo libre Don Bosco, cunha dotación de 5.000 euros.

SUBVENCIÓNS AO DEPORTE FEDERADO

Por outra banda, a xunta de goberno local aprobou as bases da convocatoria de subvencións en réxime de concorrencia competitiva destinadas ao fomento do deporte federado, correspondentes ao ano 2025. Segundo trasladou o Concello nunha nota, a súa finalidade é a promoción das entidades deportivas locais de carácter federado, co obxecto de financiar parte dos gastos derivados da súa participación nas competicións deportivas establecidas nos calendarios oficiais das federacións autonómicas e nacionais.

Estas axudas contan cun orzamento de 330.000 euros, cun importe máximo a percibir por entidade de 18.000 euros. Na convocatoria poden participar entidades asociativas con domicilio social en Compostela que participen en competicións federativas. Estas poden solicitar axuda para gastos de licenzas federativas, inscricións e outros gastos vinculados ás competicións, arbitraxe, material deportivo non inventariable, aluguer de instalacións, servizos de lavandaría, gastos médicos e seguros, devengados entre o 1 de xaneiro e o 20 de outubro deste ano.

ÚLTIMAS

Francisco Narla reconstrúe en ‘Suseia’ a vida descoñecida do Mestre Mateo

O escritor Francisco Narla regresa á historia de Santiago de Compostela coa publicación de...

O Concello de Santiago contrata nove persoas para reforzar o mantemento de zonas verdes, vías e limpeza de pintadas

O Concello de Santiago incorporou nove traballadores a través do departamento de Emprego para...

Máis dun milleiro de persoas maniféstanse en Santiago para reclamar medidas fronte á crise da vivenda

Máis dun milleiro de persoas mobilizáronse este sábado en Santiago de Compostela para reclamar...

O COAG Santiago entrega no Teatro Principal os premios ‘PRÓXIMOS’ con oito obras compostelás recoñecidas

A Delegación de Santiago do Colexio Oficial de Arquitectos de Galicia celebrou este sábado...

Santiago deberá acudir ao fondo estatal de pago a provedores con 7,79 millóns de euros financiables

O Concello de Santiago de Compostela terá que participar de maneira obrigatoria no fondo...

O turismo que enche Santiago non vén do Camiño: o 77 % dos visitantes non son peregrinos

O 77 % dos turistas que visitan Santiago non son peregrinos, fan un gasto...

María Rozas destaca o labor da Plataforma polo Emprego na inserción laboral de persoas en risco de exclusión

A concelleira de Dereitos e Servizos Sociais, Promoción Económica e Xuventude, María Rozas, participou...