InicioCULTURACurtocircuíto reivindica en Compostela o cinema como dereito accesible e espazo de...

Curtocircuíto reivindica en Compostela o cinema como dereito accesible e espazo de encontro

O festival, que regresa ás rúas, ofrecerá encontros con creadoras como Laia Abril, Lucile Hadžihalilović e Lois Patiño, ademais dunha ampla programación internacional e seccións dedicadas á memoria audiovisual galega

Publicado o

Xornal de Compostela

Curtocircuíto volve tomar Santiago de Compostela cunha edición que aposta por facer do cinema un dereito accesible e compartido. Así o manifestou a concelleira de Cultura, Míriam Louzao, ao destacar que a programación do certame procura reforzar a idea do cinema como “acto colectivo e parte esencial da cultura”, fronte á súa concepción como mero produto de consumo.

Tamén Natividade González, en representación da Xunta, incidiu na necesidade de proxectos coma este para impulsar a creación contemporánea e abrir espazos para o pensamento. Pola súa parte, o director do festival, Pela del Álamo, agradeceu o apoio institucional e celebrou que Curtocircuíto recupere o espazo público: “Faino máis próximo ao público e máis accesible”.

Durante seis días, a cidade acollerá unha programación internacional na que figuran nomes como Lucile Hadžihalilović, Oliver Laxe, Kangding Ray, Martin Messier, Lawrence Lek, Lois Patiño ou Nebojša Slijepčević. O festival manterá as súas seccións competitivas —Planeta GZ, Supernova e Cosmos— e propostas audiovisuais en directo con artistas galegas e internacionais. A gala de clausura, prevista para o domingo 6, será conducida polo músico e performer Nuno Pico (Grande Amore).

Entre as sesións especiais destaca a participación da fotógrafa Laia Abril, Premio Nacional de Fotografía 2023, que presentará o seu proxecto On Mass Hysteria, sobre os mecanismos históricos de control e violencia contra as mulleres. Tamén haberá encontros co cineasta Guillermo Galoe e a produtora Marina López, arredor da rodaxe do filme Ciudad sin sueño na Cañada Real, e con Lucile Hadžihalilović, que recibirá o Premio Especial Atlas.

Outro dos pratos fortes será a sesión de Brais Revaldería, que presentará o proxecto Fillos do vento, unha peza sobre a rapa das bestas galega estreada este ano no Festival de Cannes. A sesión, que terá lugar o mércores 2 ás 20:30 no Teatro Principal, incluirá unha versión exclusiva da obra adaptada ao formato do festival.

O mércores tamén se celebrará un encontro co director Lois Patiño, a actriz Irene Escolar e a produtora Beli Martínez, arredor de Ariel, o filme inaugural do certame. A actividade será no hotel Costa Vella ás 12:00.

Curtocircuíto continúa ademais a súa colaboración co Cineclube de Compostela, cunha nova entrega da sección Rebobinar, repicar, recuperar, centrada nesta ocasión no tránsito dos anos 80 aos 90 no audiovisual galego. Presentaranse pezas pouco coñecidas ou esquecidas, como 25×24, Laza, carnaval sagrado, Morosos varios ou 365, que ofrecen unha visión histórica sobre a creación fílmica en Galicia dos primeiros anos da TVG.

As entradas para as proxeccións están xa dispoñibles na web de Compostela Cultura, na Zona C e no despacho de billetes do Teatro Principal. Os prezos oscilan entre os 4 e os 7 euros, aínda que moitas das sesións especiais e actividades exteriores son de acceso gratuíto previa retirada de convite.

Curtocircuíto, que naceu en 2003 como festival de curtametraxes, consolidouse hoxe como unha das citas culturais máis relevantes da cidade. Esta nova edición, caracterizada pola súa diversidade e apertura, confirma a súa aposta por un cinema crítico, sensorial e inclusivo, con vocación pública e vontade transformadora.

ÚLTIMAS

Francisco Narla reconstrúe en ‘Suseia’ a vida descoñecida do Mestre Mateo

O escritor Francisco Narla regresa á historia de Santiago de Compostela coa publicación de...

O Concello de Santiago contrata nove persoas para reforzar o mantemento de zonas verdes, vías e limpeza de pintadas

O Concello de Santiago incorporou nove traballadores a través do departamento de Emprego para...

Máis dun milleiro de persoas maniféstanse en Santiago para reclamar medidas fronte á crise da vivenda

Máis dun milleiro de persoas mobilizáronse este sábado en Santiago de Compostela para reclamar...

O COAG Santiago entrega no Teatro Principal os premios ‘PRÓXIMOS’ con oito obras compostelás recoñecidas

A Delegación de Santiago do Colexio Oficial de Arquitectos de Galicia celebrou este sábado...

Francisco Narla reconstrúe en ‘Suseia’ a vida descoñecida do Mestre Mateo

O escritor Francisco Narla regresa á historia de Santiago de Compostela coa publicación de...

O artista de Santa Comba Lg1do lanza por sorpresa o seu primeiro álbum, ‘Sobresaliente’, tras rematar a PAU

O artista Lg1do, con 18 anos e criado en Santa Comba, lanzou por sorpresa...

LEAVE A REPLY

Please enter your comment!
Please enter your name here