InicioCULTURAO WOS Festival confirma os primeiros 14 artistas da súa oitava edición...

O WOS Festival confirma os primeiros 14 artistas da súa oitava edición e activa a venda anticipada de abonos

O evento celebrará o seu regreso do 11 ao 14 de setembro en Santiago cun cartel que aposta pola vangarda sonora internacional e a creación local

Publicado o

Xornal de Compostela

O WOS Festival x SON Estrella Galicia presentou este luns os primeiros 14 nomes do cartel da súa oitava edición, que se celebrará en Santiago de Compostela do 11 ao 14 de setembro de 2025. Trátase do regreso dun dos encontros de referencia da música electrónica e experimental no Estado, que retoma actividade tras unha pausa no 2024 cunha proposta centrada en sons de vangarda, formatos inmersivos e artistas con proxección internacional e local.

Entre os primeiros nomes confirmados figuran Abdullah Miniawy, que estrea en España o espectáculo Peacock Dreams, o dúo aya & MFO co proxecto hexed!, os recoñecidos produtores Batu, Objekt, Beatrice Dillon, Djrum ou Nazar, ademais do xaponés Masayoshi Fujita, que ofrecerá en Santiago a única parada estatal da súa xira para presentar Migratory. Tamén destacan Simo Cell, Lord Spikeheart e Los Thuthanaka, que visitan por vez primeira o país. En clave galega, confírmase a participación da artista Carme López, mentres que o dúo catalán Tarta Relena achegará ao festival o seu recente traballo És Pregunta.

O festival desenvolverase en máis dunha decena de espazos emblemáticos da capital galega, entre os que se contan teatros, igrexas, salas de concertos e locais nocturnos. Durante catro días, Compostela acollerá concertos audiovisuais, performances, sesións de club e encontros multidisciplinares que buscan tender pontes entre a creación contemporánea e o público local e visitante.

A organización destaca que o regreso do festival foi recibido con entusiasmo: os abonos a prezo reducido (‘Early Birds’) esgotáronse en menos de 48 horas. Xa están dispoñibles os seguintes tramos de venda anticipada tanto para o Festival Pass (válido para os catro días) coma para o Weekend Pass (válido para os días 12, 13 e 14 de setembro). Os billetes poden adquirirse a través das plataformas DICE e Ataquilla.com.

Para facilitar o acceso á cultura, o WOS Festival ofrece descontos do 10% nos abonos para persoas usuarias do Carné Xove, estudantes da USC, persoas desempregadas e titulares de tarxeta de diversidade funcional igual ou superior ao 33%. A acreditación deberá presentarse no momento de recoller a pulseira de acceso.

Promovido pola produtora compostelá Work On Sunday, o WOS Festival foi recoñecido como Mellor Festival Indoor de Europa nos European Festival Awards 2018, e galardoado en dúas ocasións nos Iberian Festival Awards. Conta co apoio de entidades públicas como a Xunta de Galicia, a Deputación da Coruña e o Concello de Santiago, ademais do patrocinio principal de SON Estrella Galicia e o respaldo de empresas como Gadis e a Fundación Japón.

A programación completa e o resto de nomes do cartel iranse desvelando nas próximas semanas, pero a organización xa avanza unha edición que aspira a “conectar coas tensións culturais do presente” e a consolidar Santiago como unha das capitais da innovación artística no panorama estatal.

ÚLTIMAS

Francisco Narla reconstrúe en ‘Suseia’ a vida descoñecida do Mestre Mateo

O escritor Francisco Narla regresa á historia de Santiago de Compostela coa publicación de...

O Concello de Santiago contrata nove persoas para reforzar o mantemento de zonas verdes, vías e limpeza de pintadas

O Concello de Santiago incorporou nove traballadores a través do departamento de Emprego para...

Máis dun milleiro de persoas maniféstanse en Santiago para reclamar medidas fronte á crise da vivenda

Máis dun milleiro de persoas mobilizáronse este sábado en Santiago de Compostela para reclamar...

O COAG Santiago entrega no Teatro Principal os premios ‘PRÓXIMOS’ con oito obras compostelás recoñecidas

A Delegación de Santiago do Colexio Oficial de Arquitectos de Galicia celebrou este sábado...

Francisco Narla reconstrúe en ‘Suseia’ a vida descoñecida do Mestre Mateo

O escritor Francisco Narla regresa á historia de Santiago de Compostela coa publicación de...

O artista de Santa Comba Lg1do lanza por sorpresa o seu primeiro álbum, ‘Sobresaliente’, tras rematar a PAU

O artista Lg1do, con 18 anos e criado en Santa Comba, lanzou por sorpresa...

LEAVE A REPLY

Please enter your comment!
Please enter your name here