InicioSANTIAGOO Concello de Santiago e a USC selan un convenio coas Cidades...

O Concello de Santiago e a USC selan un convenio coas Cidades Patrimonio para promover accións culturais e científicas

A iniciativa impulsada por Goretti Sanmartín como presidenta do Grupo busca consolidar unha rede de colaboración entre as universidades e as cidades Patrimonio da Humanidade

Publicado o

Por David M. Sobrino Platas

O Concello de Santiago de Compostela e a Universidade de Santiago (USC) veñen de asinar un convenio marco de colaboración co Grupo de Cidades Patrimonio da Humanidade e coas universidades que teñen sede nas 15 cidades que o compoñen. O acordo, segundo explicou a alcaldesa compostelá e presidenta do Grupo, Goretti Sanmartín, pretende abrir unha nova etapa de cooperación institucional para o desenvolvemento de actividades culturais, deportivas e científicas que contribúan á promoción e preservación do patrimonio histórico.

“É unha oportunidade para que as universidades acheguen coñecemento ao grupo e, ao tempo, para que as cidades contribúan a visibilizar a actividade académica e investigadora”, sinalou Sanmartín trala sinatura. Entre as áreas prioritarias destacan a investigación sobre sustentabilidade, a transformación do modelo turístico ou a realización de xornadas e cursos en colaboración co tecido universitario.

O reitor da USC, Antonio López, incidiu na dimensión formativa do convenio e puxo como exemplo o mestrado que xa se desenvolve en Santiago sobre patrimonio cultural dixital. “Sería positivo estendelo a outras universidades do grupo, que reúne institucións tan significativas como as de Salamanca, Alcalá ou Córdoba”, apuntou. Engadiu que se trata dun proxecto con vocación de permanencia que “permitirá crear redes culturais e científicas entre cidades con importantes bens patrimoniais”.

Ademais das accións comúns, cada cidade poderá negociar convenios específicos coa súa universidade de referencia, axustando as liñas de traballo ao seu contexto local. A iniciativa, segundo o reitor, tivo unha “excelente acollida” tanto entre os gobernos locais como nas institucións académicas. “O entusiasmo foi unánime. Mesmo outras universidades con bens patrimoniais, como Granada, mostraron interese por sumarse”, asegurou.

No caso concreto de Santiago, o convenio tamén busca impulsar o turismo vinculado á ciencia e á educación, fomentando a chegada de congresos, estadías de investigación e mobilidades académicas. A rexedora destacou que o obxectivo é aproveitar o potencial da comunidade universitaria como medio de difusión do patrimonio e da identidade das cidades.

Durante a comparecencia tamén se abordaron cuestións de actualidade vinculadas á USC, como a situación do mestrado de Matemáticas, que foi rexeitado pola Xunta por non acadar o número mínimo de estudantes. López confirmou que a universidade recorreu a decisión e traballa xa nun novo programa, con vistas ao curso 2026-2027, aínda que agardan poder manter unha versión transitoria para o curso anterior.

Outro dos temas tratados foi a proposta dunha nova facultade de Medicina, respecto da cal o reitor fixo un chamamento a “avaliar con serenidade o modelo que mellor garanta a formación do estudantado”. Defendeu manter a estrutura actual, aproveitando todos os recursos do sistema sanitario galego, e advertiu do risco de crear novas facultades sen garantir a formación especializada obrigatoria tras o grao.

Pola súa banda, a alcaldesa reiterou o posicionamento da corporación compostelá en defensa da facultade de referencia na cidade. “É unha posición unánime e racional: Santiago debe seguir sendo o referente no ámbito da Medicina no sistema universitario galego”, afirmou. Considera fundamental manter os acordos de descentralización acadados no seu momento, apostando por un modelo con visión sistémica e non localista.

Tanto reitor como alcaldesa insistiron na necesidade dun debate sereno e informado sobre o futuro da formación médica en Galicia, centrado nas necesidades do sistema sanitario e non só na demanda social inmediata. Coincidiron en que calquera decisión debe orientarse a garantir unha formación de calidade, coordinada cos hospitais públicos e sustentada nun modelo universitario coherente coas previsións a longo prazo.

ÚLTIMAS

O Compostela cae ante o Marino de Luanco no seu debut ligueiro no Vero Boquete

A SD Compostela estreouse na competición ligueira cunha derrota por 0-3 fronte ao Marino...

Un paciente denuncia case catro horas de espera nun corredor das Urxencias do CHUS

A Asociación de Pacientes e Usuarios do CHUS denunciou un novo episodio de saturación...

Unha avaría deixa máis de dúas horas parados en Santiago os pasaxeiros dun Avlo con destino Madrid

Unha incidencia técnica impediu que un tren Avlo con destino Madrid saíse esta tarde...

Marta Abal reclama ao Concello que detalle a planificación das obras nos viais do rural compostelán

O Grupo Municipal Socialista de Santiago reclama ao Goberno local que dea a coñecer...

Unha avaría deixa máis de dúas horas parados en Santiago os pasaxeiros dun Avlo con destino Madrid

Unha incidencia técnica impediu que un tren Avlo con destino Madrid saíse esta tarde...

‘O Encontro’ levará á Alameda unha xornada para achegar a democracia á mocidade galega

A Alameda de Santiago de Compostela converterase o sábado 12 de setembro nun espazo...

Seis policías auxilian en Santiago unha muller gravemente ferida tras unha agresión da súa parella

Seis axentes da Policía Nacional auxiliaron nunha vivenda do centro de Santiago unha muller...

LEAVE A REPLY

Please enter your comment!
Please enter your name here