InicioMOV. SOCIAISO Obradoiro acolle un acto en memoria das 66.519 persoas refuxiadas falecidas...

O Obradoiro acolle un acto en memoria das 66.519 persoas refuxiadas falecidas nos últimos tres anos

O Día Mundial das Persoas Refuxiadas reuniu institucións e entidades sociais nunha homenaxe que reclamou medidas estruturais e máis recursos públicos

Publicado o

Xornal de Compostela

A Praza do Obradoiro foi escenario este xoves da conmemoración do Día Mundial das Persoas Refuxiadas, organizada pola Rede Galega de Apoio ás Persoas Refuxiadas en colaboración coa Unidade Municipal de Atención ás Migracións. O acto contou coa presenza da alcaldesa de Santiago, Goretti Sanmartín, e da tenenta de alcaldesa e concelleira de Dereitos e Servizos Sociais, María Rozas, ademais de representantes de colectivos sociais e cidadanía.

No centro do acto situouse unha faixa xigante con 66.519 nomes e apelidos: os de todas as persoas desprazadas que perderon a vida nos últimos tres anos ao tentar fuxir dos seus países de orixe. A cifra, segundo os organizadores, representa non só unha estatística, senón tamén a ausencia de políticas eficaces e humanas de protección internacional.

A rexedora compostelá sinalou que esta realidade é “a vergoña da sociedade, a vergoña dos estados que non reaccionan”, e subliñou que estes nomes deben servir como testemuño dunha falla de acción política. Sanmartín pediu a todas as administracións públicas que asuman as súas responsabilidades e impulsen medidas estruturais que garantan que “en pleno século XXI, ninguén teña que fuxir do seu país por falta de esperanza”.

Pola súa parte, María Rozas centrou a súa intervención no contexto internacional e nas políticas actuais. Aludiu ao xenocidio en Gaza, á reforma da Lei de Estranxeiría que, segundo dixo, supón un retroceso en dereitos, e ao crecemento dos discursos de odio. Rozas advertiu que os Servizos Sociais de Santiago están a asumir competencias que non lles corresponden para poder dar resposta ás necesidades das persoas refuxiadas chegadas nos últimos meses: “A atención foi posible grazas ao esforzo e compromiso do persoal, pero os recursos son insuficientes”, declarou.

Durante o acto, a representante da Rede, Cristina Bandín, deu lectura a un manifesto crítico coas políticas migratorias europeas e estatais. A Rede esixiu a retirada do Pacto Europeo sobre Migración e Asilo, ao considerar que perpetúa a externalización das fronteiras da UE, e reclamou a aprobación da Iniciativa Lexislativa Popular Regularización XA, que propón a regularización extraordinaria das persoas en situación administrativa irregular en España.

Tamén demandaron unha resposta firme contra os delitos de odio, con medidas xudiciais e políticas que non permitan a súa normalización: “O racismo non pode ser tolerado nin ocultado. É un delito grave que require resposta institucional”, recolleu o manifesto.

O acto concluíu cun minuto de silencio en lembranza das vítimas e un chamamento colectivo á solidariedade, á acollida digna e ao respecto polos dereitos humanos como principios fundamentais das políticas públicas.

ÚLTIMAS

O Compostela cae ante o Marino de Luanco no seu debut ligueiro no Vero Boquete

A SD Compostela estreouse na competición ligueira cunha derrota por 0-3 fronte ao Marino...

Un paciente denuncia case catro horas de espera nun corredor das Urxencias do CHUS

A Asociación de Pacientes e Usuarios do CHUS denunciou un novo episodio de saturación...

Unha avaría deixa máis de dúas horas parados en Santiago os pasaxeiros dun Avlo con destino Madrid

Unha incidencia técnica impediu que un tren Avlo con destino Madrid saíse esta tarde...

Marta Abal reclama ao Concello que detalle a planificación das obras nos viais do rural compostelán

O Grupo Municipal Socialista de Santiago reclama ao Goberno local que dea a coñecer...

Un paciente denuncia case catro horas de espera nun corredor das Urxencias do CHUS

A Asociación de Pacientes e Usuarios do CHUS denunciou un novo episodio de saturación...

Sanidade Galega con Palestina convoca unha concentración no Obradoiro pola liberación do doutor Hussam Abu Safiya

Sanidade Galega con Palestina (SGCP) convocou para este domingo, 6 de setembro, unha concentración...

Santiago homenaxeará a Rosa Bassave dando o seu nome ao espazo natural recuperado da Lagoa de Cornes

O espazo natural recuperado da Lagoa de Cornes pasará a levar oficialmente o nome...

LEAVE A REPLY

Please enter your comment!
Please enter your name here