InicioCULTURABoyanka Kostova, Lua de Santana e 9Louro actúan este sábado en Santiago...

Boyanka Kostova, Lua de Santana e 9Louro actúan este sábado en Santiago no Festival Acento

O evento celébrase coincidindo co Día Europeo da Música e busca visibilizar os dereitos do autor

Publicado o

Xornal de Compostela

O Festival Acento volve este sábado 21 de xuño á terraza da sede da Sociedade Xeral de Autores e Editores (SGAE) en Santiago de Compostela cun cartel formado por Boyanka Kostova, Lua de Santana e 9Louro. O evento, de carácter gratuíto, desenvolverase coincidindo co Día Europeo da Música, e foi presentado este mércores na propia sede da entidade.

Durante a rolda de prensa, Teo Cardalda, presidente do consello territorial da SGAE, animou á veciñanza e visitantes a participar nunha xornada que pretende marcar o inicio do verán cun ton lúdico e reivindicativo. “Vai haber grupos actuando, vai haber diversión e vai haber ánimo e optimismo para este ano que xa comeza o verán”, sinalou o músico.

O artista Cibrán García, integrante do dúo compostelán Boyanka Kostova, destacou o valor da iniciativa como espazo de dinamización cultural: “Sempre está ben dar dinamización cultural en calquera tipo de ámbito”. O grupo, pioneiro do trap en galego e próximo a celebrar dez anos de traxectoria, anunciou que prepara unha renovación sonora de cara ao novo disco, previsto para outubro ou novembro. Segundo avanzou García, o espectáculo virará cara a un son “máis de electrónica pura”, con temas clásicos reversionados e novas composicións.

Pola súa banda, Jacobo Sutil, director da Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic), puxo o foco na defensa dos dereitos de autor, un dos eixes centrais da actividade da SGAE. “Todos os que están no mundo da cultura teñen que non soamente defendelos, senón que visibilizalos”, sinalou, ligando a celebración do festival cun compromiso institucional neste ámbito.

O Festival Acento consolídase así como unha cita estival que combina concertos ao aire libre, creación musical galega e reivindicación dos dereitos culturais, no corazón da capital galega. A actuación dos tres artistas terá lugar na terraza do edificio da SGAE, no número 32 da rúa das Salvadas.

ÚLTIMAS

O Compostela cae ante o Marino de Luanco no seu debut ligueiro no Vero Boquete

A SD Compostela estreouse na competición ligueira cunha derrota por 0-3 fronte ao Marino...

Un paciente denuncia case catro horas de espera nun corredor das Urxencias do CHUS

A Asociación de Pacientes e Usuarios do CHUS denunciou un novo episodio de saturación...

Unha avaría deixa máis de dúas horas parados en Santiago os pasaxeiros dun Avlo con destino Madrid

Unha incidencia técnica impediu que un tren Avlo con destino Madrid saíse esta tarde...

Marta Abal reclama ao Concello que detalle a planificación das obras nos viais do rural compostelán

O Grupo Municipal Socialista de Santiago reclama ao Goberno local que dea a coñecer...

Intelixencia artificial, robótica e impresión 3D entran na programación dos centros socioculturais de Santiago

A rede municipal de centros socioculturais de Santiago de Compostela porá en marcha no...

O Festival Agustín Magán celebra 25 anos cunha edición récord de dez compañías en Santiago

O Festival de Teatro Afeccionado Agustín Magán chega este ano á súa 25ª edición...

O Museo do Pobo Galego programa en setembro encontros sobre Rafael Baltar, poesía, patrimonio téxtil e memoria do exilio

O Museo do Pobo Galego inicia setembro cunha programación que combina arquitectura, investigación, literatura,...