InicioPOLÍTICAInstalan un monólito e un teixo en Galeras como homenaxe a Xosé...

Instalan un monólito e un teixo en Galeras como homenaxe a Xosé Manuel Beiras

A plantación da árbore simbólica coincidiu coa entrega da 'Letra E' da AELG ao intelectual, que protagonizou un acto institucional no CGAC

Publicado o

Xornal de Compostela

A cidade de Santiago de Compostela rendeu este venres unha homenaxe pública ao economista, político e escritor Xosé Manuel Beiras cunha xornada que combinou simbolismo, recoñecemento institucional e memoria. O parque de Galeras acolle desde hoxe un monólito conmemorativo coa inscrición “Meu amor de madrugada” e un teixo, escollido polo propio Beiras como símbolo da súa homenaxe. Trátase da cuarta árbore dedicada a autores distinguidos coa Letra E da Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega (AELG) que escolleron Compostela como lugar de tributo.

O descubrimento do monólito contou coa presenza da alcaldesa de Santiago, Goretti Sanmartín, quen destacou que “este parque de Galeras estase a converter noutro espazo referencial para a literatura” dentro dunha cidade que, segundo dixo, “ten vocación de ser capital das letras galegas”. Sanmartín agradeceu a vontade da comunidade literaria de deixar “pegada no territorio do noso concello” a través destes xestos simbólicos.

A entrega oficial da Letra E, celebrada posteriormente no Centro Galego de Arte Contemporánea (CGAC), reuniu a representantes da AELG e de diferentes ámbitos culturais e políticos. Participaron no acto o presidente da entidade, Cesáreo Sánchez Iglesias, a vicepresidenta Beatriz Maceda Abeleira e o editor e poeta Miguel Anxo Fernán-Vello, quen foi o encargado de pronunciar a laudatio.

Durante a súa intervención, a alcaldesa referiuse a Beiras como unha figura “polifacética”, cunha obra que abrangue desde a teoría económica ata a narrativa e a poesía, pasando pola tradución e o xornalismo. Destacou tamén a súa capacidade de crear discurso oral con valor literario: “peças orais que se esvaecen conforme se pronuncian mais que deixan pouso”.

Sanmartín propuxo incluso un “itinerario Beiras por Santiago”, evocando espazos da cidade vinculados á súa vida e traxectoria, como a praza da Quintana, onde pronunciou os seus discursos o 25 de xullo, ou lugares nos que residiu como a Porta da Pena, o Vilar, A Rosaleda ou o Preguntoiro. Tamén se referiu á Facultade de Económicas, onde foi docente, á praza de Fonseca, sede do primeiro Parlamento Galego, e ao Pazo do Hórreo, onde exerceu como deputado.

Con esta xornada, Compostela incorpora ao seu espazo público unha nova lembranza da súa historia recente e da súa tradición intelectual e literaria, reforzando así o vínculo entre cidade e cultura a través dunha das figuras máis influíntes do pensamento galego contemporáneo.

ÚLTIMAS

Colectivos propalestinos convocan unha protesta en Santiago pola participación de médicos israelís nun congreso

A celebración en Santiago de Compostela dun congreso europeo dedicado á investigación en medicina...

O servizo municipal de asesoramento sobre alugueiros de Santiago atende preto de 200 consultas nos seus tres primeiros meses

O Servizo Municipal de Información e Asesoramento en Materia de Alugueiro de Santiago de...

Monbus busca novos condutores para o transporte urbano de Santiago con contratos indefinidos e incorporación inmediata

A empresa Monbus iniciou un proceso de contratación de novos condutores e condutoras para...

Norwegian conectará Santiago e Copenhague con dous voos semanais no verán de 2027

O aeroporto de Santiago de Compostela contará cunha nova conexión internacional durante o verán...

Marta Álvarez reclama ao Concello de Santiago medidas ante os incendios nun baixo de Romero Donallo

A concelleira non adscrita de Santiago de Compostela, Marta Álvarez, reclamou ao Goberno municipal...

Pedro Blanco e o Ateneo de Santiago reclaman recuperar o liderado cultural e institucional de Compostela

O candidato do PSdeG-PSOE á Alcaldía de Santiago, Pedro Blanco, reuniuse coa directiva do...

Borja Verea destaca as máis de 400 vivendas públicas da Xunta en Santiago e aposta por facilitar que os mozos poidan quedar na cidade

O presidente do Partido Popular de Santiago, Borja Verea, reivindicou o papel dos investimentos...

LEAVE A REPLY

Please enter your comment!
Please enter your name here