InicioPOLÍTICAO Concello inicia a licitación do transporte urbano con máis autobuses, novas...

O Concello inicia a licitación do transporte urbano con máis autobuses, novas liñas e frecuencias nocturnas

O novo modelo, que substitúe a concesión por unha fórmula de prestación directa, busca garantir tarifas accesibles, maior control público e adaptación continua ás necesidades da veciñanza

Publicado o

Xornal de Compostela

O Concello de Santiago de Compostela iniciará esta semana a licitación do novo contrato do servizo de transporte público urbano, un proceso que marcará un cambio estrutural na xestión deste servizo ao optar por un contrato de servizos en lugar do tradicional modelo de concesión. Así o anunciaron a alcaldesa, Goretti Sanmartín, e o concelleiro de Mobilidade, Xan Duro, nunha rolda de prensa celebrada para dar conta do estado do expediente.

Segundo explicou Sanmartín, esta decisión responde á vontade de reforzar o carácter público do transporte, asegurando a súa calidade e accesibilidade. “Queremos que o transporte deixe de ser un negocio e pase a ser plenamente un servizo público”, afirmou, destacando que este cambio permitirá ao Concello deseñar e adaptar o servizo en función das necesidades da cidade, sen depender dos intereses dunha empresa concesionaria.

A modificación do modelo evita tamén a obriga de remitir a documentación á Oficina Nacional de Avaliación (ONE), o que axiliza o procedemento. A alcaldesa subliñou que esta decisión se adoptou tras unha análise detallada de resolucións xudiciais e informes técnicos doutros municipios, que evidenciaron dificultades recorrentes na xustificación do risco empresarial esixido nas concesións.

O novo contrato terá unha duración prevista de 13 anos e contará cun orzamento base de 137 millóns de euros, dos que o Concello achegará arredor de 8 millóns anuais. Esta achega directa é esencial, segundo indicou Duro, para manter tarifas accesibles e evitar que o custo do servizo recaia na cidadanía. O prezo do billete ordinario sen bonificación pasará dun euro a 1,40 euros, pero o bono máis utilizado, empregado por máis da metade dos usuarios, manterase en 0,63 euros, cunha subvención municipal que complementa as achegas estatais.

Entre as melloras previstas inclúese a renovación completa da flota de autobuses, que chegará a 67 vehículos novos, así como a creación de novas liñas e frecuencias ampliadas, tanto no ámbito urbano como no rural, e a incorporación de servizos nocturnos, inexistentes até agora. A empresa adxudicataria disporá de tres meses para adaptar a flota existente e dun prazo máximo dun ano para completala con vehículos novos que cumpran os requisitos de accesibilidade, información e sistemas de pago.

O concelleiro defendeu que este modelo permitirá unha maior capacidade de vixilancia, control e adaptación, e destacou que a xestión mediante contrato de servizos facilitará modificacións nas liñas e horarios sen restricións derivadas de intereses empresariais. “Nunha cidade dinámica como Compostela, isto é fundamental”, sinalou.

Desde o goberno local amósanse convencidos de que, malia tratarse dun proceso complexo, será posible adxudicar o novo contrato dentro do actual mandato municipal. “Levamos meses traballando de forma intensa e coordinada cos distintos departamentos municipais”, asegurou Sanmartín, que sinalou este contrato como “un dos grandes retos do goberno”.

O proceso arrinca agora coa tramitación administrativa interna, que inclúe a emisión dos informes preceptivos por parte de contratación, intervención e asesoría xurídica. Unha vez completado ese paso, o expediente será aprobado en Xunta de Goberno e publicado na plataforma de contratación pública.

Co cambio de modelo e as melloras anunciadas, o Concello aposta por un transporte máis flexible, público e adaptado aos retos da mobilidade sostible na capital galega.

ÚLTIMAS

Multitudinario recoñecemento a Álvaro García Ortiz na Casa das máquinas

A Casa das Máquinas acolleu este xoves un multitudinal acto de recoñecemento a Álvaro...

A CEP denuncia o abandono da comisaría de Santiago tras máis de dous meses do incendio

A Confederación Española de Policía (CEP) denunciou publicamente o que considera unha situación de...

O concerto de El Último de la Fila trasládase a Santiago tras o veto ao uso de Riazor

O concerto do grupo 'El Último de la Fila' previsto inicialmente para o 13...

A Xunta prevé investir máis de 50 millóns de euros en Mallou para impulsar un novo barrio en Santiago

A Consellería de Vivenda e Planificación de Infraestruturas presentou o proxecto de desenvolvemento do...

O PSdeG reclama definir o destino dos ingresos da taxa turística no orzamento municipal de 2026

O Grupo Municipal Socialista en Santiago trasladará ao pleno deste mes de abril a...

O Goberno local atribúe a problemas técnicos o atraso nas bolsas de comedor

O Goberno local de Santiago respondeu ás críticas formuladas polo Partido Popular sobre o...

O PP denuncia cinco meses de atrasos nos pagamentos das bolsas de comedor e actividades en Santiago

O concelleiro do Partido Popular en Santiago, Borja Rubio, denunciou este martes en rolda...

LEAVE A REPLY

Please enter your comment!
Please enter your name here