InicioSOCIEDADEConxo, protagonista do mes de maio: celebra o aniversario da anexión e...

Conxo, protagonista do mes de maio: celebra o aniversario da anexión e o seu tradicional ‘Banquete’

"Este mes de maio, [o barrio] vai ter un protagonismo moi especial", sinalou a alcaldesa, Goretti Sanmartín, en rolda de prensa

Publicado o

Xornal de Compostela

O Concello de Santiago celebra en maio o centenario da anexión de Conxo ao municipio e o Banquete de Conxo. “Este mes de maio, [o barrio] vai ter un protagonismo moi especial”, sinalou a alcaldesa, Goretti Sanmartín, en rolda de prensa. “Levamos por bandeira que Compostela non sería a mesma sen os seus barrios, que a personalidade do noso Concello é a suma da personalidade diferenciada de todos e cada un dos seus barrios e das súas parroquias. E neste 2025 é unha ocasión de excepción para celebrar e evidenciar que nin Compostela sería a mesma sen Conxo, nin Conxo sería o mesmo sen Compostela“, defendeu a rexedora.

O 15 de maio –día que se cumpre o centenario– terá lugar o acto central de celebración. Nesta conmemoración simbólica reproducirase o percorrido que fixo a última corporación municipal de Conxo, pero en sentido contrario: o actual consistorio de Compostela sairá en comitiva desde o Pazo de Raxoi cara a Conxo. A saída está prevista para as 18.00 horas con acompañamento musical e unha parada na praza de Vigo para unha pequena lectura de poemas de Rosalía de Castro, en honra á tamén veciña do antigo Concello.

Ás 19.30 horas terá lugar un pleno extraordinario nun dos edificios máis emblemáticos de Conxo, no hospital psiquiátrico, con intervención de portavoces municipais, unha representación veciñal, e da alcaldesa. A xornada conmemorativa finalizará cun concerto da Banda Municipal e un petisco. Este acto central non será o único. Ao longo de todo o ano haberá máis actividades conmemorativas: rutas teatralizadas e de sendeirismo, actuacións musicais, presentacións de libros, e unha exposición de fotos antigas recollidas nas parroquias que fixeron parte do antigo Concello de Conxo: ‘100 anos, 100 fotos’.

BANQUETE DE CONXO

Por outra banda, o Banquete de Conxo celebrarase o fin de semana do 23 ao 25 de maio. Comezará o venres, cun programa de Cantos de Taberna polo barrio de Conxo. Xa no sábado 24, a programación estará centralizada na Praza de Aurelio Aguirre e estará especialmente destinada ao público infantil e familiar. Así, celebrarase o mercado do libro e da artesanía, a mostra dos oficios con diferentes actividades de dinamización, espectáculos para o público familiar e xogos tradicionais e sesión vermú coa participación das bandas que ensaian no Centro Xove.

Tamén volverá a festa da poesía, unha sesión de canto fraterno coas corais, e volverá funcionar o tren turístico do Banquete de Conxo. Así mesmo, repetirá a ruta literaria con Quique Alvarellos. Xa no día grande, o domingo 25, seguirán o mercado do libro, artesanía e mostra de oficios; están previstas diferentes actividades infantís, como actuacións de maxia ou xogos, e tamén haberá propostas musicais ao longo de toda a xornada.

Os eventos centrais serán o desfile teatralizado cos Quinquilláns e o xantar de confraternidade. “Volveremos lembrar ese acto revolucionario que foi o xantar e os brindes do Banquete de Conxo, do que se cumpren 169 anos”, valorou a tenente de alcaldesa, María Rozas. “É un momento da historia que hai que reivindicar polo seu espírito e que debe ademais seguir vivo”, engadiu.

“ATAVIADAS PARA A OCASIÓN”

Para Rozas, a participación “é precisamente a que lle dá a súa singularidade á ‘Festa do Banquete’, e a que proporciona un ambiente especial grazas a que cada vez son máis as persoas que se suman á festa perfectamente ataviadas para a ocasión”. Para axudar a que iso sexa así, o consistorio volve pór en marcha os talleres para aprender a elaborar vestimentas tradicionais ou de época, en colaboración coa Asociación do Traxe Galego e con Bety Busto, costureira especializada en traxe de época. Haberá sesións informativas en Aríns e Figueiras, e talleres en Laraño, Conxo e o Ensanche. Tamén se fai unha chamada á participación no desfile teatralizado do domingo, para o que é recomendable a inscrición no Centro Sociocultural de Conxo.

ÚLTIMAS

Festas do Apóstolo 2026: Volve o espectáculo de luces con fogos artificiais e dez días de concertos

As festas do Apóstolo deron comezo este mércores co pregón do empresario e promotor...

Santiago terá unha nova rede de buses con 16 liñas, conexións ao rural e servizo nocturno

A nova rede de autobuses de Santiago de Compostela empezará a funcionar previsiblemente este...

CC.OO. mobilízase nas Cancelas contra a apertura do comercio en domingos e festivos

A federación de servizos de Comisións Obreiras concentrou este mércores a ducias de delegados diante...

O Compostela TradFest encherá de música tradicional o centro histórico durante máis de doce horas

Santiago de Compostela acollerá o vindeiro 26 de xullo a oitava edición do Compostela...

Festas do Apóstolo 2026: Volve o espectáculo de luces con fogos artificiais e dez días de concertos

As festas do Apóstolo deron comezo este mércores co pregón do empresario e promotor...

Santiago terá unha nova rede de buses con 16 liñas, conexións ao rural e servizo nocturno

A nova rede de autobuses de Santiago de Compostela empezará a funcionar previsiblemente este...

Suspenden a audiencia contra un policía urbanístico de Santiago acusado de falsificar un informe

A Audiencia Provincial da Coruña, na súa sede de Santiago de Compostela, suspendeu este...