InicioSANTIAGOOs dous edís do PSOE auséntanse do pleno ao non abordarse o...

Os dous edís do PSOE auséntanse do pleno ao non abordarse o paso a non adscritos dos expulsados

Gumersindo Guinarte e Marta Abal denuncian que se impide o acceso dos edís expulsados á representación socialista

Publicado o

Xornal de Compostela

Os dous edís do PSdeG no Concello de Santiago, Gumersindo Guinarte e Marta Abal, ausentáronse este xoves do pleno ao non incorporar este na orde do día o punto relativo á toma en consideración do paso a non adscritos dos concelleiros que foron expulsados do partido.

A través dun comunicado, o Partido Socialista denuncia “vulneración” dos seus dereitos fundamentais e advirte que os seus servizos xurídicos están a estudar “todas as vías legais e xudiciais”.

Na nota de prensa, o PSOE de Compostela carga contra “a decisión adoptada pola alcaldesa”, a nacionalista Goretti Sanmartín, “de non incorporar” este punto e lembra que as persoas que foron expulsadas do partido fórono “hai xa varios meses”.

O portavoz socialista, Gumersindo Guinarte, afirma que “coa ausencia desta toma en consideración por parte do pleno das expulsións que se produciron impídese pola vía dos feitos que os únicos representantes lexítimos do Partido Socialista a día de hoxe na corporación poidan tomar posesión dos seus respectivos cargos e actúen como representantes legais ante a corporación municipal de Santiago“.

“TODAS AS VÍAS LEGAIS E XUDICIAIS”

Guinarte incide en que, “pola contra, permítese que persoas que foron expulsadas do Partido Socialista sigan falando no seu nome ante o concello de Santiago para todos os efectos, que sigan presentando iniciativas e intervindo coma se seguisen sendo a voz socialista no Pazo de Raxoi”.

“Non podemos ser partícipes dunha sesión do pleno municipal na que se impide que a representación lexítima do Partido Socialista poida asumir a efectiva representación que lle corresponde ante unha decisión que non se enmarca para nada nunha cuestión xurídica, senón que responde a unha cuestión política”, argumenta.

Así, o socialista conclúe asegurando que foron “pacientes e respectuosos en todo momento”, pero “chegados a este punto” avisa que non poden “consentir que se vulneren os dereitos fundamentais do Partido Socialista”.

Por este motivo “está a estudarse xa polos servizos xurídicos do partido todas as vías legais e xudiciais na defensa dos dereitos do partido, co fin de que non se sigan vulnerando os dereitos fundamentais dos socialistas na cidade”, subliña.

PP-ALCALDESA

Durante o transcurso do pleno, na quenda dunha iniciativa, o portavoz popular Borja Verea dixo estar ante “a descomposición en directo do pacto de gobernabilidade” no Consistorio santiagués, e reprochou á alcaldesa estar “aí sentada” mentres o PSdeG a acusa a través de comunicados de prensa de “vulneración de dereitos fundamentais”.

Pola súa banda, a rexedora esixiu ao popular “que se centre” e “cinga á orde do día” e rexeitou “provocar enfrontamentos”, aínda que Verea engadiu que dá “vergoña a imaxe” que traslada o Concello. Ademais, Goretti Sanmartín explicou en varias ocasións que se seguiron as indicacións para actuar conforme a todas as garantías.

COMUNICADO DOS EXPULSADOS

Pasado o mediodía, os díscolos emitiron outro comunicado en nome do “grupo municipal socialista” mediante o cal piden desculpas a todos os veciños “ante o comportamento de dous compañeiros de grupo”, por Gumersindo Guinarte e Marta Abal, tras ausentarse “sen causa xustificada e sen notificación previa”.

Ven, pola súa banda, que esta é “unha decisión que vulnera as súas obrigacións como concelleiras desta cidade e que, máis aló de consideracoines políticas, supón unha falta de respecto aos veciños”.

De feito, consideran leste “un novo acto polo que empregan pleno municipal como escaparate para presionar e alterar un procedemento, tutelado polo secretario do Concello, ao que teñen dereito os concelleiros expedientados”.

OS PRAZOS

A semana pasada, o secretario xeral do PSdeG de Santiago, Aitor Bouza, esperou que “a normalidade” imperase no grupo municipal a partir deste pleno, tras a expulsión do partido de catro dos seus integrantes.

Tras estas declaracións, fontes próximas aos edís expulsados precisaron que o martes 15 presentaron as súas alegacións e probas documentais ao secretario do pleno e, no caso de Gonzalo Muíños, o prazo finalizaba este pasado martes 22 de abril. Isto é, 24 horas despois de ser convocado o pleno e 48 horas antes da súa celebración, polo que consideran que os prazos “son axustados e complicados” para poder ter un informe e unha decisión elevada ao pleno para a sesión ordinaria deste 24 de abril.

BESTEIRO

O secretario xeral do PSdeG, José Ramón Gómez Besteiro, apoiou que a dirección local do PSOE de Santiago poida acudir á xustiza despois de que a orde do día do pleno do Concello non incluíse o punto relativo á toma en consideración do paso a non adscritos dos concelleiros que foron expulsados do partido.

Este feito motivou que os dous concelleiros do PSdeG no Consistorio, Gumersindo Guinarte e Marta Abal, ausentáronse este xoves do pleno. Ademais, nun comunicado, a dirección local denunciou “vulneración” dos seus dereitos fundamentais e advertiu que os seus servizos xurídicos están a estudar “todas as vías legais e xudiciais”.

ÚLTIMAS

Colectivos propalestinos convocan unha protesta en Santiago pola participación de médicos israelís nun congreso

A celebración en Santiago de Compostela dun congreso europeo dedicado á investigación en medicina...

O servizo municipal de asesoramento sobre alugueiros de Santiago atende preto de 200 consultas nos seus tres primeiros meses

O Servizo Municipal de Información e Asesoramento en Materia de Alugueiro de Santiago de...

Monbus busca novos condutores para o transporte urbano de Santiago con contratos indefinidos e incorporación inmediata

A empresa Monbus iniciou un proceso de contratación de novos condutores e condutoras para...

Norwegian conectará Santiago e Copenhague con dous voos semanais no verán de 2027

O aeroporto de Santiago de Compostela contará cunha nova conexión internacional durante o verán...

Marta Álvarez reclama ao Concello de Santiago medidas ante os incendios nun baixo de Romero Donallo

A concelleira non adscrita de Santiago de Compostela, Marta Álvarez, reclamou ao Goberno municipal...

Pedro Blanco e o Ateneo de Santiago reclaman recuperar o liderado cultural e institucional de Compostela

O candidato do PSdeG-PSOE á Alcaldía de Santiago, Pedro Blanco, reuniuse coa directiva do...

Borja Verea destaca as máis de 400 vivendas públicas da Xunta en Santiago e aposta por facilitar que os mozos poidan quedar na cidade

O presidente do Partido Popular de Santiago, Borja Verea, reivindicou o papel dos investimentos...