InicioSANTIAGOA Cátedra Rosalía de Castro planta un érbedo no xardín de Fonseca...

A Cátedra Rosalía de Castro planta un érbedo no xardín de Fonseca para honrar a memoria da escritora

A iniciativa, enmarcada no Día Internacional do Libro, busca restituír simbólicamente a memoria rosaliana e promove o ecoloxismo poético

Publicado o

Xornal de Compostela

Coincidindo coa conmemoración do Día Internacional do Libro, a Cátedra Rosalía de Castro levou a cabo un acto simbólico para honrar a memoria de Rosalía de Castro na cidade de Santiago de Compostela. Este xoves, no xardín de Fonseca, que alberga o espazo O xardín das pedras que falan, o plantío medicinal da Universidade compostelá, plantouse un érbedo, árbore que segundo a lenda oral, tivo unha conexión especial coa escritora.

A co-directora da Cátedra Rosalía de Castro, María do Cebreiro Rábade Villar, explicou que a plantación deste érbedo de Lestrobe ten un valor simbólico, xa que, segundo a tradición, Rosalía de Castro escribiu baixo un érbedo que existiu na súa terra natal. A árbore foi talada, pero a plantación do novo érbedo busca ser un acto de restitución simbólica da memoria rosaliana e unha maneira de reivindicar tamén o ecoloxismo poético. “A árbore foi talada, polo que esta plantación concíbese como un acto simbólico e de ecoloxismo poético”, subliñou Rábade Villar.

O acto, que contou coa presenza da alcaldesa de Santiago de Compostela, Goretti Sanmartín, e da vicerreitora de Cultura da USC, Pilar Murias, entre outras autoridades, incluiu tamén unha doazón dun exemplar do libro-herbario “Os ollos das árbores” á Biblioteca Xeral e ao Museo de Historia Natural da Universidade. Este libro, que foi posible grazas a unha axuda Leonardo da Fundación BBVA, recolle ilustracións botánicas realizadas por Cristina Lucas e Fernando Sánchez Castillo.

A alcaldesa Goretti Sanmartín lembrou a defensa de Rosalía das árbores e as plantas, citando a súa famosa frase “as plantas tamén falan”, e destacou a importancia do acto como unha reivindicación da lectura e dos libros. “Os libros gardan o que a vida ás veces esquece e nos axudan a construír relato, e sen relato non hai xustiza posíbel,” apuntou a rexedora compostelana.

Pola súa banda, o conservador do Museo de Historia Natural (MHN), Juan Manuel Cutrín, tamén fixo mención dos fondos botánicos da época de Rosalía que o museo conserva e pon a disposición para iniciativas divulgativas como a exposición que alberga o xardín de Fonseca.

A vicerreitora de Cultura, Pilar Murias, estableceu un paralelismo entre o traballo das institucións culturais e as árbores, afirmando que “non só hai que plantar, senón que as árbores teñen que prender”, resaltando a importancia de fomentar o recordo de Rosalía e a paixón pola lectura entre as novas xeracións.

Con esta acción, a Cátedra Rosalía de Castro non só honra á escritora, senón que tamén promove o diálogo entre a ciencia e a literatura, como expresou Mª Isabel Casal, directora da Biblioteca Xeral. A súa intervención destacou que a exposición “Os ollos das árbores” na que se basea o libro herbario, presenta unha proposta visual e literaria para “mirar como miran as árbores, con paciencia, con memoria, con raíz”, conectando así a literatura galega con outras formas de coñecemento e sensibilización ambiental.

ÚLTIMAS

Colectivos propalestinos convocan unha protesta en Santiago pola participación de médicos israelís nun congreso

A celebración en Santiago de Compostela dun congreso europeo dedicado á investigación en medicina...

O servizo municipal de asesoramento sobre alugueiros de Santiago atende preto de 200 consultas nos seus tres primeiros meses

O Servizo Municipal de Información e Asesoramento en Materia de Alugueiro de Santiago de...

Monbus busca novos condutores para o transporte urbano de Santiago con contratos indefinidos e incorporación inmediata

A empresa Monbus iniciou un proceso de contratación de novos condutores e condutoras para...

Norwegian conectará Santiago e Copenhague con dous voos semanais no verán de 2027

O aeroporto de Santiago de Compostela contará cunha nova conexión internacional durante o verán...

A Alameda de Santiago incorpora un banco para combater a soidade non desexada e fomentar a convivencia

A Alameda de Santiago de Compostela conta desde este martes, 20 de outubro, cun...

A rúa das Rodas recuperará o dobre sentido de circulación este mércores polos atrasos nos autobuses urbanos

O Concello de Santiago de Compostela restablecerá este mércores 21 de outubro o dobre...

Martín Pereira Fariña é elixido novo decano da Facultade de Filosofía da USC por unanimidade

A Facultade de Filosofía da Universidade de Santiago de Compostela contará cun novo equipo...

LEAVE A REPLY

Please enter your comment!
Please enter your name here