InicioECONOMÍAO Goberno central confirma o remate inminente da Estación Intermodal de Santiago,...

O Goberno central confirma o remate inminente da Estación Intermodal de Santiago, que levará o nome de Castelao

O novo aparcadoiro de 900 prazas comezará a construírse este ano e estará rematado a mediados de 2026

Publicado o

Por David M. Sobrino Platas

A Estación Intermodal de Santiago de Compostela atópase na recta final da súa construción e abrirá as súas portas proximamente baixo a denominación oficial de ‘Estación Intermodal Santiago de Compostela – Daniel Castelao’, segundo veñen de confirmar a alcaldesa Goretti Sanmartín, o delegado do Goberno en Galicia Pedro Blanco e o director xeral de Negocios e Clientes de ADIF, Juan Pablo Villanueva.

Durante unha rolda de prensa conxunta tras unha reunión técnica, Sanmartín destacou que as obras están “xa nos últimos detalles, con cuestións case de trámite”, e que a súa finalización supón “un investimento moi importante para a cidade”, a cargo do Goberno central e financiado parcialmente con fondos europeos.

Ademais, a rexedora anunciou o inicio inminente da construción dun novo aparcadoiro vinculado á estación, que contará con 900 prazas e un investimento estimado de nove millóns de euros. A execución da obra está prevista para setembro de 2025 cun prazo de execución de nove meses, polo que a súa posta en marcha produciríase a mediados de 2026.

Segundo o respresentante de Adif, a posta en servizo da estación dependerá da Axencia Estatal de Seguridade Ferroviaria, que recibirá a documentación necesaria a finais deste mes. A apertura, aínda sen data concreta, podería producirse ao longo do mes de maio, sempre que se cumpran os prazos administrativos previstos.

A nova infraestrutura, que conecta directamente coa estación de autobuses a través dunha pasarela peonil, supón unha transformación urbana significativa na zona. Estará equipada cos últimos estándares de accesibilidade e interoperabilidade, e incluirá un espazo expositivo dedicado á figura de Castelao, con información sobre a súa obra e relevancia histórica e cultural.

É unha boa nova para Santiago, porque a intermodal é moito máis que unha estación: é tamén unha infraestrutura que dá servizo ao Ensanche, á zona comercial, á cidadanía e ás persoas visitantes”, afirmou Sanmartín. A proposta de denominar a estación en honra de Daniel Castelao fora aprobada por unanimidade no pleno municipal, coincidindo co Ano Castelao 2025.

Pola súa banda, Pedro Blanco subliñou que esta actuación “non ten nada que envexar ás intermodais doutras cidades galegas”, e que esta e outras intervencións do Goberno central, como os 34 millóns investidos no Hostal dos Reis Católicos ou a renovación prevista na pista de rodadura do aeroporto Rosalía de Castro, “poñen a Santiago no lugar que lle corresponde como capital de Galicia”.

Ademais, a alcaldesa confirmou que a rúa Valle Inclán, que estivo en obras por melloras de accesibilidade, abrirá nos próximos días tras recibir o informe técnico favorable dos servizos municipais.

A nova Estación Intermodal, segundo Adif, integrará tamén obras de adecuación en túneles da liña Zamora-Galicia, que xa están en execución e non afectarán ao servizo de viaxeiros, ao realizarse en horario nocturno.

ÚLTIMAS

O Compostela cae ante o Marino de Luanco no seu debut ligueiro no Vero Boquete

A SD Compostela estreouse na competición ligueira cunha derrota por 0-3 fronte ao Marino...

Un paciente denuncia case catro horas de espera nun corredor das Urxencias do CHUS

A Asociación de Pacientes e Usuarios do CHUS denunciou un novo episodio de saturación...

Unha avaría deixa máis de dúas horas parados en Santiago os pasaxeiros dun Avlo con destino Madrid

Unha incidencia técnica impediu que un tren Avlo con destino Madrid saíse esta tarde...

Marta Abal reclama ao Concello que detalle a planificación das obras nos viais do rural compostelán

O Grupo Municipal Socialista de Santiago reclama ao Goberno local que dea a coñecer...

Lestegás reclama que Santiago xestione os fondos estatais para as zonas de mercado tensionado

O Concello de Santiago reclama poder xestionar directamente os fondos que o Ministerio de...

Louzao sitúa o turismo de Santiago nunha fase de estabilización e defende a diversificación aérea tras a saída de Ryanair

A concelleira de Turismo de Santiago, Míriam Louzao, realizou este mércores un primeiro balance...

Santiago, entre as cidades beneficiadas polos 5,1 millóns para zonas tensionadas

O Ministerio de Vivenda e Axenda Urbana destinará 5,1 millóns de euros a Galicia...

LEAVE A REPLY

Please enter your comment!
Please enter your name here