InicioPOLÍTICAPontón anima a participar na manifestación en Santiago para defender a sanidade...

Pontón anima a participar na manifestación en Santiago para defender a sanidade pública

A líder do BNG acusa ao PP de deteriorar o sistema sanitario para favorecer intereses privados

Publicado o

Xornal de Compostela

A portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, fixo este sábado un chamamento á mobilización cidadá de cara á manifestación convocada por SOS Sanidade Pública este domingo en Santiago de Compostela, alertando de que o actual modelo de xestión sanitaria da Xunta representa un risco para a saúde da poboación.

Durante a súa intervención na xornada conmemorativa dos 50 anos da AN-PG, Pontón declarou que “temos que mobilizarnos para defender unha das grandes conquistas sociais, a sanidade pública, que leva 16 anos sufrindo recortes e procesos de privatización”. Neste sentido, subliñou que “ao final quen a paga é a cidadanía”.

A líder nacionalista denunciou que a situación actual do Servizo Galego de Saúde (Sergas) mostra síntomas preocupantes como “listas de espera inasumibles”, a existencia de “11.000 nenos e nenas sen pediatra” e demoras hospitalarias superiores ás rexistradas antes da pandemia da covid. Segundo Pontón, todo isto responde a unha estratexia do PP para “deteriorar o público e beneficiar o privado”.

A manifestación prevista para este domingo en Compostela forma parte dunha serie de protestas organizadas en distintos puntos de Galicia co obxectivo de visibilizar o malestar social ante o funcionamento do sistema sanitario. Pontón sinalou que “é fundamental que haxa unha gran resposta social que diga alto e claro que a sanidade pública non se toca”.

Ao ser preguntada polos casos de agresións a persoal sanitario, que nos últimos meses xeraron preocupación tanto no sector como na opinión pública, a portavoz do BNG manifestou que moitos dos profesionais apuntan directamente á falta de recursos e ao colapso asistencial como orixe de boa parte do malestar. “Hai unha desesperación crecente entre a cidadanía cando acode ao Sergas e se atopa con esperas que nalgúns casos superan o ano”, asegurou.

Pontón tamén criticou a actitude do goberno galego, que ao seu xuízo nega sistematicamente que os recortes teñan consecuencias reais sobre a saúde da poboación. “O único que temos son anuncios sen verificar e un negacionismo que ignora o impacto das súas políticas”, concluíu.

A manifestación convocada por SOS Sanidade Pública partirá do Campus Sur de Santiago e está prevista unha ampla participación de colectivos sociais, profesionais sanitarios e organizacións políticas e sindicais.

ÚLTIMAS

O Compostela cae ante o Marino de Luanco no seu debut ligueiro no Vero Boquete

A SD Compostela estreouse na competición ligueira cunha derrota por 0-3 fronte ao Marino...

Un paciente denuncia case catro horas de espera nun corredor das Urxencias do CHUS

A Asociación de Pacientes e Usuarios do CHUS denunciou un novo episodio de saturación...

Unha avaría deixa máis de dúas horas parados en Santiago os pasaxeiros dun Avlo con destino Madrid

Unha incidencia técnica impediu que un tren Avlo con destino Madrid saíse esta tarde...

Marta Abal reclama ao Concello que detalle a planificación das obras nos viais do rural compostelán

O Grupo Municipal Socialista de Santiago reclama ao Goberno local que dea a coñecer...

Marta Abal reclama ao Concello que detalle a planificación das obras nos viais do rural compostelán

O Grupo Municipal Socialista de Santiago reclama ao Goberno local que dea a coñecer...

O PP denuncia que a Policía Local traballou con seis axentes nalgúns días do verán

O Partido Popular de Santiago denunciou a situación dos efectivos da Policía Local durante...

Sanmartín prevé asinar o novo contrato dos autobuses en setembro e poñer o servizo en marcha este outono

A alcaldesa de Santiago, Goretti Sanmartín, situou para finais da próxima semana ou comezos...