InicioSANTIAGOAMESO Concello de Ames traslada queixas á Xunta pola masificación e falta...

O Concello de Ames traslada queixas á Xunta pola masificación e falta de frecuencias no bus metropolitano

A veciñanza denuncia aglomeracións, falta de seguridade e a imposibilidade de viaxar sentados nas horas punta

Publicado o

Xornal de Compostela

O Concello de Ames, a través da súa Concellaría de Mobilidade, vén de trasladar á Dirección Xeral de Mobilidade da Xunta de Galicia unha nova remesa de queixas veciñais sobre a situación do transporte metropolitano, especialmente nas liñas que conectan Bertamiráns e A Gándara coa cidade de Santiago.

Segundo informa o goberno local, as reclamacións fan referencia a problemas recorrentes de masificación, falta de frecuencias e inseguridade, que afectan a centos de persoas usuarias, especialmente en horarios de mañá entre as 7:50 e as 9:50, coincidindo coas entradas a centros de ensino e lugares de traballo.

Un dos testemuños enviados ao Concello describe a situación diaria no autobús interurbano A Gándara–Rúa da Rosa, cun ton crítico: “Xente empurrándose nas marquesiñas, corredores cheos de persoas enriba unhas das outras, estudantes e traballadores abandonados nas paradas porque xa non colle ninguén máis no bus”. A carta, remitida por unha usuaria habitual, exemplifica a realidade dun servizo que, segundo as denuncias, leva anos sen melloras estruturais malia o crecemento poboacional.

Un dos episodios máis sinalados foi o sucedido o pasado 13 de marzo, cando un control da Garda Civil, acompañado por unha reporteira, accedeu a un dos autobuses para lembrar a obrigatoriedade do cinto de seguridade. Esta acción provocou reaccións entre os usuarios, que denuncian que ‘moitas veces non hai nin onde sentarse, menos aínda onde poñer un cinto’. A propia reclamante pregunta: ‘A onde se pretende que enganche o meu cinto se adoito ir de pé encaixada entre a xente?’

Esta situación, indican desde o Concello, “reflicte a contradición entre as esixencias normativas e a realidade dos servizos ofrecidos”. A reclamación foi enviada á Consellería de Presidencia, Xustiza e Deportes, responsable autonómica do servizo.

AMES RECLAMA UN SERVIZO DIGNO PARA UN CONCELLO EN CRECEMENTO

O alcalde de Ames, Blas García, e a concelleira de Mobilidade, Susana Señorís, lembran que o municipio é ‘o único de Galicia que segue a medrar de forma continua, cunha demanda crecente de servizos públicos axeitados’. Neste sentido, insisten en que ‘non se pode ofrecer un transporte público masificado e insuficiente a unha veciñanza que medra ano tras ano’.

Desde o goberno local faise un chamamento á cidadanía para que continúe enviando queixas e incidencias sobre o funcionamento do bus metropolitano e do Servizo de Interese Municipal (SIMU), tanto a través do correo mobilidade@concellodeames.gal como mediante o rexistro municipal.

O Concello lembra que todas as queixas se remiten á Xunta de Galicia, administración competente en materia de mobilidade, e critica que moitas das incidencias denunciadas desde hai tempo non recibiron solución ata o momento.

As demandas máis reiteradas inclúen máis frecuencias en horas punta, aumento da capacidade dos vehículos, melloras na seguridade a bordo e a adaptación do servizo á realidade dun municipio con dous núcleos urbanos diferenciados e unha intensa mobilidade pendular cara a Santiago.

ÚLTIMAS

Festas do Apóstolo 2026: Volve o espectáculo de luces con fogos artificiais e dez días de concertos

As festas do Apóstolo deron comezo este mércores co pregón do empresario e promotor...

Santiago terá unha nova rede de buses con 16 liñas, conexións ao rural e servizo nocturno

A nova rede de autobuses de Santiago de Compostela empezará a funcionar previsiblemente este...

CC.OO. mobilízase nas Cancelas contra a apertura do comercio en domingos e festivos

A federación de servizos de Comisións Obreiras concentrou este mércores a ducias de delegados diante...

O Compostela TradFest encherá de música tradicional o centro histórico durante máis de doce horas

Santiago de Compostela acollerá o vindeiro 26 de xullo a oitava edición do Compostela...

Escarlata Pampín, candidata do BNG en Ames para “recuperar o impulso e o avance”

A portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, participou este mércores na presentación de Escarlata...

Ames percorre o Pazo da Peregrina nunha visita teatralizada arredor da pegada de Rosalía

O Pazo da Peregrina de Bertamiráns acolleu o pasado sábado 20 de xuño unha...

A Xunta prevé abrir en agosto a senda peonil e ciclista entre a Intermodal e O Milladoiro

A Xunta de Galicia prevé poñer en servizo este verán, no mes de agosto,...

LEAVE A REPLY

Please enter your comment!
Please enter your name here