InicioMOV. SOCIAISMondra porá o broche final no Obradoiro á manifestación en defensa do...

Mondra porá o broche final no Obradoiro á manifestación en defensa do galego deste domingo

A marcha partirá ás 12.00 horas da Alameda e a organización anima a levar percusión para facer "unha festa pola lingua"

Publicado o

Xornal de Compostela

A manifestación convocada pola plataforma Queremos Galego este domingo, 23 de febreiro, baixo o lema ‘Lingua Vital Xa!’, e que ten como obxectivo “frear a emerxencia lingüística”, concluirá na Praza do Obradoiro cunha actuación de Mondra. Este xoves, unha vintena de entidades adscritas á plataforma presentaron en rolda de prensa o itinerario da protesta, ademais de lembrar as reivindicacións principais. A coordinadora de Queremos Galego, Celia Armas, explicou que a marcha sairá ás 12.00 horas da Alameda compostelá e concluirá no Obradoiro tras pasar pola Rúa da Senra, Praza Galicia, Porta da Mámoa, Toural, Rúa do Vilar, Praza de Praterías e Fonseca. Así mesmo, detallou que estará encabeza por “persoas referentes” do ámbito cultural, colectivos de mocidade, audiovisual, artes escénicas ou musicais, entre outras organizacións presentes en Queremos Galego.

Xa no Obradoiro, o acto estará conducido por Xurxo Souto, haberá unha intervención do presidente da Mesa, Marcos Maceira, e unha actuación de ‘Os Carapaus’, para o que convidan a todos os participantes a acompañar a marcha con percusión e animación para facer desta xornada “unha festa” pola lingua galega, antes de concluír a protesta coa actuación de Mondra. Para a manifestación, Armas confirmou que xa están previstos case unha trintena de autobuses desde diferentes localidades de toda a Comunidade. Neste sentido, apuntou que se constituíron 24 plenarios nos que se realizaron acordos para mobilizar á cidadanía e que quedaron fixados para promocionar as actividades de Queremos Galego. Ademais, a portavoz anunciou que está prevista a asistencia de delegacións de Cataluña, País Vasco e da Rede Europea polas Linguas, que se suman a “compartir as reivindicacións”.

DENUNCIAN VETOS DA XUNTA

Pola súa banda, Marcos Maceira destacou que esta manifestación se produce despois de “desenmascarar” o “pacto polo enterro do galego” da administración autonómica. Así, lembrou que na manifestación celebrada o 17 de novembro reclamábase un “proceso transparente, plural e con vontade do Plan xeral de normalización”, concretando “accións inmediatas que debía tomar o Goberno galego”. “Atopámonos con opacidade, unilateralidade e veto a participación de calquera das entidades dos diferentes sectores implicados no plan xeral”, lamentou antes de censurar o “veto” á Asociación de Escritores en Lingua Galega, das Anpas e entidades de sectores “absolutamente necesarios para impulsar a normalización da lingua”.

“É incrible que o Goberno galego pense en falar da educación sen contar con Anpas, sindicatos e organizacións estudantís; é incrible que se pense en falar do galego sen contar coas organizacións sindicais ou organizacións de consumidores. Tamén que a Xunta pretenda falar do desenvolvemento da cultura galega sen contar coas entidades do sector audiovisual ou a asociación de escritores en lingua galega; ou da administración sen contar co persoal técnico de normalización”, expuxo.

Fronte a isto, Maceira reivindicou que o 23 de febreiro sairán á rúa con “entidades sociais, amplas e diferentes sectores, así como organizacións políticas e sindicais”. En definitiva, unha representación “moi elevada da sociedade galega e da vontade colectiva” por “manter e recuperar a súa lingua”. Por todo iso, mostrou a súa confianza en que a sociedade “se está activando a favor da lingua”, algo que, ao seu xuízo, “será o que consiga empezar a reverter o proceso da lingua galega de substitución lingüística” para, “máis pronto que tarde, cambiar realmente a actitude do Goberno galego”. “Fai falta que a sociedade se implique e que o goberno acompañe as reivindicacións da sociedade. Se estas dúas cousas se producen, a situación do galego vai mellorar”, subliñou.

ÚLTIMAS

O Compostela cae ante o Marino de Luanco no seu debut ligueiro no Vero Boquete

A SD Compostela estreouse na competición ligueira cunha derrota por 0-3 fronte ao Marino...

Un paciente denuncia case catro horas de espera nun corredor das Urxencias do CHUS

A Asociación de Pacientes e Usuarios do CHUS denunciou un novo episodio de saturación...

Unha avaría deixa máis de dúas horas parados en Santiago os pasaxeiros dun Avlo con destino Madrid

Unha incidencia técnica impediu que un tren Avlo con destino Madrid saíse esta tarde...

Marta Abal reclama ao Concello que detalle a planificación das obras nos viais do rural compostelán

O Grupo Municipal Socialista de Santiago reclama ao Goberno local que dea a coñecer...

Un paciente denuncia case catro horas de espera nun corredor das Urxencias do CHUS

A Asociación de Pacientes e Usuarios do CHUS denunciou un novo episodio de saturación...

Sanidade Galega con Palestina convoca unha concentración no Obradoiro pola liberación do doutor Hussam Abu Safiya

Sanidade Galega con Palestina (SGCP) convocou para este domingo, 6 de setembro, unha concentración...

Santiago homenaxeará a Rosa Bassave dando o seu nome ao espazo natural recuperado da Lagoa de Cornes

O espazo natural recuperado da Lagoa de Cornes pasará a levar oficialmente o nome...