InicioECONOMÍAMestrelab inaugura en Santiago un novo centro de investigación para impulsar a...

Mestrelab inaugura en Santiago un novo centro de investigación para impulsar a conexión entre universidade e industria

A empresa compostelá investiu 9,4 millóns de euros nun espazo para desenvolver innovación científica e industrial

Publicado o

Xornal de Compostela

A empresa compostelá Mestrelab Research, recoñecida no sector de datos científicos, inaugurou o seu novo Centro de Investigación Mestrelab (CIM) en Santiago de Compostela. Este espazo, que ten como obxectivo principal actuar como ponte de comunicación entre a Universidade de Santiago de Compostela, outras universidades galegas e a industria, representa un investimento de 9,4 millóns de euros, financiado a partes iguais pola Axencia Galega de Innovación (GAIN) e por capital privado.

O acto de inauguración contou coa presenza do presidente da Xunta, Alfonso Rueda; o conselleiro de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional, Román Rodríguez; a alcaldesa de Santiago, Goretti Sanmartín; e a directora de GAIN, Carmen Cotelo. Tamén participaron o presidente de Bruker BioSpin, Falko Busse, e o presidente de SciY. Bruker, Santiago Domínguez.

UN ESPAZO PARA A INNOVACIÓN E O DESENVOLVEMENTO INDUSTRIAL

Santiago Domínguez destacou que o CIM permitirá aos investigadores desenvolver novas aplicacións e descubrimentos que melloren a calidade de vida, servindo así como unha plataforma de colaboración entre a USC e outros centros académicos e industriais. Este proxecto céntrase en canalizar o coñecemento e o talento cara ás demandas da industria científica global, aproveitando o ecosistema de innovación que se consolidou en Galicia nas últimas dúas décadas.

Falko Busse, de Bruker, mostrouse “moi ilusionado” co novo centro en Santiago, e destacou que a elección de Galicia se basea na calidade do equipo humano da USC e na comprensión de Mestrelab sobre o valor da innovación.

Durante a súa intervención, Alfonso Rueda destacou o potencial de Galicia para converterse nun referente en innovación, grazas a iniciativas empresariais como Mestrelab. “A nosa responsabilidade é crear as condicións necesarias para que proxectos coma este sexan posibles”, afirmou. A Xunta de Galicia apoia o proxecto con máis de catro millóns de euros, recoñecendo que este tipo de centros axudan a reter e atraer talento, á vez que diversifican a economía da comunidade.

A alcaldesa de Santiago, Goretti Sanmartín, valorou a importancia de que a cidade conte con centros como o CIM, pois ofrecen oportunidades para o talento local e atraen profesionais de todo o mundo.

O novo centro, que ten unha superficie de máis de 2.300 metros cadrados, promete converterse nun punto neurálxico para o avance científico e a colaboración entre a academia e a industria, consolidando Santiago de Compostela como un epicentro de innovación en Galicia.

ÚLTIMAS

O Compostela cae ante o Marino de Luanco no seu debut ligueiro no Vero Boquete

A SD Compostela estreouse na competición ligueira cunha derrota por 0-3 fronte ao Marino...

Un paciente denuncia case catro horas de espera nun corredor das Urxencias do CHUS

A Asociación de Pacientes e Usuarios do CHUS denunciou un novo episodio de saturación...

Unha avaría deixa máis de dúas horas parados en Santiago os pasaxeiros dun Avlo con destino Madrid

Unha incidencia técnica impediu que un tren Avlo con destino Madrid saíse esta tarde...

Marta Abal reclama ao Concello que detalle a planificación das obras nos viais do rural compostelán

O Grupo Municipal Socialista de Santiago reclama ao Goberno local que dea a coñecer...

Lestegás reclama que Santiago xestione os fondos estatais para as zonas de mercado tensionado

O Concello de Santiago reclama poder xestionar directamente os fondos que o Ministerio de...

Louzao sitúa o turismo de Santiago nunha fase de estabilización e defende a diversificación aérea tras a saída de Ryanair

A concelleira de Turismo de Santiago, Míriam Louzao, realizou este mércores un primeiro balance...

Santiago, entre as cidades beneficiadas polos 5,1 millóns para zonas tensionadas

O Ministerio de Vivenda e Axenda Urbana destinará 5,1 millóns de euros a Galicia...