InicioSOCIEDADEMiles de persoas claman baixo a choiva dende a Alameda ata a...

Miles de persoas claman baixo a choiva dende a Alameda ata a Quintana contra “o ano de masacres e destrución” de Israel a Palestina

Tamén conmemoran a "digna resistencia" do pobo palestino contra os "76 anos de ocupación"

Publicado o

Xornal de Compostela

Miles de persoas saíron á rúa en Santiago para clamar, baixo a choiva, contra “o ano de masacres e destrución” de Israel a Palestina e esixir a “ruptura de relacións” co país gobernado por Benjamín Netanyahu. A borrasca que durante esta fin de semana azouta a Galicia non parou aos manifestantes que, sobre as 12.15 horas deste domingo, saíron da Alameda, percorrendo as rúas da capital galega, ata chegar á praza da Quintana.

A comitiva, encabezada por unha pancarta baixo o título ‘Galicia con Palestina’, proclamou cánticos como ‘Palestina vencerá’, ‘Netanyahu asasino’ e ‘Desde o río ata o mar, Palestina vencerá’. Á súa chegada á Quintana leron un manifesto no que detallaron que esta convocatoria é para “gritar” contra “un ano de masacres unha destrución que parece non ter fin”.

“Polas máis de 46.000 vítimas mortais ás que lles segaron a voz, contra a impunidade dos crimes de Israel e para dicir aínda máis alto e máis claro que os galegos non participaremos en silencio deste xenocidio televisado, por moito que si faga quen nos goberna”, incidiron. Durante a xornada tamén conmemoraron a “digna resistencia” do pobo de Palestina, en Gaza e no “resto da Palestina histórica, contra os “76 anos de ocupación”.

PALESTINA “VIVE UNHA SITUACIÓN CRÍTICA”

Á convocatoria tamén acudiu a portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, que declarou, ante os medios, que o que vive Palestina “é unha situación crítica” e as consecuencias, desde o punto de vista humanitario, “son dramáticas”. “Actualmente, na Franxa de Gaza morren nenos por fame e por falta de auga potable. Ante esta realidade tan dura non podemos mirar para outro lado e é importante que toda a comunidade internacional se mobilice”, sinalou Pontón.

“É moi duro dicilo”, continuou a líder do BNG, pero “hai que falar con moita claridade” e Israel “está a facer” co pobo palestino o que no seu momento “fixeron os nazis co pobo xudeu”. Neste sentido, volveu a pedir que tanto España como a Unión Europea “deben proceder” ao embargo de armas e á “ruptura de todas as relacións diplomáticas e económicas con Israel”.

VARIOS DETIDOS TRAS A MANIFESTACIÓN

Aínda que a protesta da mañá discorreu con tranquilidade, axentes da Unidade de Intervención Policial (UIP) da Policía Nacional detiveron a varias persoas tras a manifestación. Así o detallaron fontes coñecedoras do suceso. Os feitos ocorreron cando, ao finalizar a protesta, un grupo de manifestantes dirixíronse aos locais de venda de comida rápida que se atopan na rúa da Senra, no centro da capital galega, ao considerar que estas empresas colaboran con Israel. Alí, varios axentes da UIP interviñeron e detiveron a varios manifestantes. Así as cousas, na tarde deste domingo un grupo de persoas concentráronse fronte á comisaría da Policía Nacional na cidade compostelá.

ÚLTIMAS

Colectivos propalestinos convocan unha protesta en Santiago pola participación de médicos israelís nun congreso

A celebración en Santiago de Compostela dun congreso europeo dedicado á investigación en medicina...

O servizo municipal de asesoramento sobre alugueiros de Santiago atende preto de 200 consultas nos seus tres primeiros meses

O Servizo Municipal de Información e Asesoramento en Materia de Alugueiro de Santiago de...

Monbus busca novos condutores para o transporte urbano de Santiago con contratos indefinidos e incorporación inmediata

A empresa Monbus iniciou un proceso de contratación de novos condutores e condutoras para...

Norwegian conectará Santiago e Copenhague con dous voos semanais no verán de 2027

O aeroporto de Santiago de Compostela contará cunha nova conexión internacional durante o verán...

A Alameda de Santiago incorpora un banco para combater a soidade non desexada e fomentar a convivencia

A Alameda de Santiago de Compostela conta desde este martes, 20 de outubro, cun...

A rúa das Rodas recuperará o dobre sentido de circulación este mércores polos atrasos nos autobuses urbanos

O Concello de Santiago de Compostela restablecerá este mércores 21 de outubro o dobre...

Martín Pereira Fariña é elixido novo decano da Facultade de Filosofía da USC por unanimidade

A Facultade de Filosofía da Universidade de Santiago de Compostela contará cun novo equipo...